Éxito de persoas que realizaron o percorrido polo mosteiro do Couto

naron-san martiño do coutoUn total de 213 persoas visitaron o mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, entre os días 20 e 27 de marzo, no marco do programa de visitas guiadas a este cenobio naronés que se retomou desde a Concellería de Turismo, á fronte da que está a edil Natalia Hermida. A concelleira naronesa valorou a resposta que un ano máis tivo esta iniciativa, que despertou o interese non só da veciñanza de Narón, senón tamén da que chegou desde municipios da comarca, doutras localidades galegas e españolas e de países estranxeiros.

En canto á procedencia dos visitantes, 135 persoas eran da comarca: 74 do concello de Ferrol, 50 de Narón, catro de Mugardos, tres de Fene, dous de Ares e outros dous de Neda. No que respecta ás visitas de persoas doutras localidades de Galicia e de España, contabilizáronse 56 en total: 23 persoas procedían de Madrid; 16 da Coruña; catro de Barcelona e outras tantas de Pontevedra; dúas de Valladolid e a mesma cifra de Asturias, Bilbao e Albacete e unha de Ceuta.

O mosteiro do Couto espertou tamén durante a pasada Semana Santa o interese de visitantes estranxeiros, un total de 22. Do total, 18 eran alemáns; dous irlandeses e outros dous estadounidenses.

Dúas guías encargáronse de acompañar aos visitantes polo interior do mosteiro do Couto e os xardíns exteriores, nos horarios habilitados durante eses dez días, pola mañá e pola tarde. Hermida apuntou que, tal e como se recolle nos datos do balance final, o primeiro domingo, día 20 de marzo, e a última fin de semana, do 25 ao 27, foron os días nos que se rexistrou unha maior afluencia de visitantes. Entre eles, apuntou a concelleira, houbo dous pequenos grupos de persoas con mobilidade reducida, aos que desde a organización se lles prestou a axuda pertinente para que puideran realizar o percorrido.

«O programa de visitas guiadas ao mosteiro do Couto foi novamente un éxito», asegurou Natalia Hermida. A concelleira destacou o valor desta construción eclesiástica do municipio e avanzou que desde a área de Turismo se continuarán mantendo e potenciando este tipo de iniciativas co fin de dar a coñecer o potencial do sector na localidade.

Lea también

María Torrente Rodríguez asume la presidencia del Club Balonmán Narón tras la renovación de su directiva

El Club Balonmán Narón ha renovado su junta directiva tras la celebración de su Asamblea …