A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas mantivo un encontro coa alcaldesa Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, para tratar a adaptación do PXOM en tramitación á nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia.
O encontro, ao que tamén asistiu o equipo redactor do documento, contou coa asistencia dos técnicos das dúas administracións e serviu para e verificar os últimos avances incorporados no documento trala aprobación inicial do 11 de abril de 2014
Encarnación Rivas trasladoulle á rexedora municipal que o PXOM, ao contar con aprobación inicial, manterá a tramitación acadada ata o momento conforme á LOUG, adaptando a partires de agora o procedemento pendente ás determinacións da nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia.
Neste senso, a alcaldesa apuntou que o concello xa rematou o estudo e análise das alegacións presentadas durante a exposición pública do PXOM. O vindeiro paso consistirá na incorporación ao documento, tanto das alegacións aceptadas como das resultas dos informes sectoriais (estradas, infraestruturas, patrimonio e augas) achegados co fin de proceder á aprobación provisional do PXOM, e remitilo á Xunta para a aprobación definitiva a principios do vindeiro ano 2017.
A Xunta de Galicia destaca o apoio técnico e económico a este documento que planificará o desenvolvemento do concello da comarca de Ferrolterra nos vindeiros 12 anos, para o cal concedeu axudas por importe de 150.000 euros.
A entrada en vigor do PXOM porá fin ás Normas Subsidiarias de Planeamento vixentes dende outubro de 1996, hai 20 anos.