Homenaxe póstuma á concelleira de Narón Manuela Pérez Sequeiros

naron-homenajeO programa de actos deseñado polo Concello de Narón co gallo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, continuou desenvolvéndose na mañá deste xoves cunha homenaxe póstuma á concelleira Manuela Pérez Sequeiros –natural de Ares e veciña da parroquia do Val- no Centro Comuntario que leva o seu nome na localidade. O alcalde, José Manuel Blanco, presidiu a convocatoria, á que asistiu a edil de Igualdade, Teresa Sabio, o viúvo da homenaxeada, José Basanta, amigos e representantes de todos os grupos políticos da corporación local.

A concelleira de Igualdade dirixiuse aos asistentes recordando a Manuela Pérez, que faleceu no ano 2009, a nivel persoal e na súa etapa de concelleira, recalcando que, “era unha muller con moita sensibilidade e resultaba moi sinxelo ter unha boa relación con ela”. Sabio agradeceu a asistencia de todos os presentes ao acto e aludiu ao traballo realizado pola edil en diferentes áreas “con moita alegría e entrega, que é como hai que facer as cousas”.

Pola súa banda, o alcalde recordou tamén a Pérez Sequeiros no ámbito persoal e político. “Foi unha persoa que por donde pasaba, a todos os niveis, sempre deixaba a súa pegada, a que deixan as persoas importantes, sen menospreciar a ningún dos compañeiros nin compañeiras de corporación que tanto traballaron e traballan desde o goberno e desde a oposición”. Blanco destacou a “vontade e ilusión” de Manuela Pérez, cuxa voz, subliñou, “foi fundamental en varios temas desde concello”. Así mesmo, destacou que “foi a impulsora de moitos dos programas que hoxe están en vigor, que naqueles momentos eran actos pioneiros de Narón. Era unha persoa que cando se incorporaba ao Concello xente de menor idade sempre a protexía, era moi protectora coas súas compañeiras e compañeiros e uníanos unha gran amistade e un gran traballo e cariño por Narón”. Blanco agradeceu especialmente a asistencia ao acto de José Basanta e incidiu en que Manuela Pérez Sequeiros “é xa unha peza fundamental neste Concello”.

Desde esta mesma mañá unha fotografía de Manuela Pérez Sequeiros cunha lenda na que se resumen as diferentes concellerías que presidiu no goberno local naronés desde a súa incorporación á vida política, no ano 1991, ata o ano 2009. Estivo á fronte das áreas de Servizos Sociais, Muller, Cultura, Ensino e Bibliotecas –na última etapa con Terra Galega e anteriormente baixo as siglas do PSG-EG e Unidade por Narón-. “Esta fotografía coa lenda quedará neste centro en recordo de Manoli”, apuntou o alcalde. A concelleira ostentou durante dezaoito anos a súa acta na corporación local, cuxos integrantes acordaron tralo seu falecemento -por unanimidade nun pleno extraordinario celebrado en xullo de 2009- poñer o seu nome ao Centro Comunitario no que hoxe tivo lugar a homenaxe. Na lenda que acompaña á fotografía explicase que as instalacións levan o seu nome “como un claro exemplo do que a súa firme vontade e o seu traballo significaron para Narón”.

Antes de dar por finalizado o acto, algúns dos asistentes tomaron a palabra para destacar a figura de Pérez Sequeiros e recoñecer publicamente que “a botamos de menos”.

Os actos do Concello con motivo do Día Internacional da Muller continuaráneste venres coa tradicional Cea das Mulleres, que terá lugar no restaurante Casa Becerra (San Xiao) a partir das 21.30 horas, e á que asistirán unhas 120 persoas. Nesta convocatoria, como é habitual ano tras ano, renderase unha homenaxe pública á Muller do Ano 2016 de Narón, unha distinción que se concedeu por acordo unánime da corporación local a Manuela Luz Díaz Gómez, que precisamente mañá cumprirá 86 anos. Maruja, como a coñecían os seus veciños e veciñas, traballou durante 25 anos como mariscadora e tivo once fillos, compaxinando a súa actividade fóra da casa co coidado da súa prole. O nomeamento desta muller, natural de San Mateo e que actualmente reside no Feal, recoñece por extensión a labor de todas aquelas mulleres que traballaron e traballan no mar.

 

Lea también

La Xunta licita obras de mejoras en carreteras de Narón, As Pontes, As Somozas y San Sadurniño

La Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitó este lunes por importe de 2.017.639 …