A subdelegación do Goberno na Coruña aprobou unha autorización solicitada polo Concello de Narón para que dous axentes da Policía Local, pertencentes á Unidade de Obras e Medio Ambiente, sen os seus uniformes reglamentarios, poidan prestar servizos policiais para velar polo cumprimento das ordenanzas, bandos e outras disposicións ditadas pola administración local. Con cargo a este permiso, dous policías participan nun servizo especial no que, entre outras, se controla o cumprimento de ordenanzas como a de tenencia de animais, limpeza viaria e de emisión de ruídos. A iniciativa permitiu aos axentes imponer varias denuncias tras detectar aos infractores por non percatarse estes últimos da súa presencia por non ir uniformados.
Nunha das xornadas de traballo, realizada hai uns días na localidade, os policías centráronse no control de animais no paseo marítimo de Xuvia, no parque fluvial de Freixeiro, nas zonas do Ponto, Santa Icía-Virxe do Mar, Alto do Castiñeiro-Praza de Galicia e A Gándara, e nas rúas A Garda, O Grove, Rosal, Tui e Bouzas, tal e como apuntou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, quen valorou o traballo realizado polos axentes, cuxo resultado foi «a imposición de cinco denuncias por carecer os animais de microchip, tres por levar cans soltos e unha por posesión dun can potencialmente perigoso sen estar inscrito no pertinente rexistro e sen licencia nin bozal», apuntou.
Sánchez Fojo recordou que no caso das denuncias por non levar microchip as multas, que nese caso tramita a Xunta, son por un importe mínimo de 300 euros; as impostas por levar cans soltos son de 100 euros, e neste caso tramítaas o Concello, e a relativa aos animais potencialmente perigosos que tamén tramita a Xunta pode alcanzar os 2.400 euros.
«O feito de que os axentes poidan traballar sen o uniforme regulamentario nestes casos considerados excepcionais permítenos corrixir axeitadamente moitas das infracións que día a día se rexistran no municipio, cuns resultados moito máis satisfactorios que no caso de que vaian uniformados, porque permite detectar mellor aos infractores», subliñou Sánchez
O edil recordou que desde a administración local xa se desenvolveron nos últimos anos varias campañas de concienciación sobre a ordenanza reguladora da tenza de animais de compañía e potencialmente perigosos, facendo especial fincapé no feito de cómo deben levalos os seus donos –con correa e correctamente identificados-. Tamén se incidiu nesas campañas na obrigatoriedade de recoller as deposicións dos animais para non manchar espazos públicos. Así mesmo, Sánchez Fojo subliñou que «o feito de que os axentes traballen sen uniforme posibilita un maior control doutras ordenanzas como a reguladora de emisión e recepción de ruídos, porque nalgúns locais ao detectar a presenza dos axentes varían o volume da fonte sonora, alterando os resultados dos controis, ou da ordenanza de residuos e limpeza viaria, onde a presencia da policía con uniforme inhibe temporalmente aos posibles infractores».