O Concello de Narón abrirá o prazo de matrícula de cinco cursos formativos

A concellería de Formación do Concello de Narón, dirixida pola edil Natalia Hermida, abrirá o vindeiro luns, día 7, o prazo de inscrición nunha nova convocatoria das accións formativas do programa municipal Habilita 2016. Nesta ocasión ofértanse cinco cursos: de Peixeiro; Electricidade básica; Panadería e bolería; Xestión de almacén-carretilleiro e Conversa en inglés, destinados a veciños de Narón desempregados e maiores de 18 anos.

As accións formativas impartiranse no Centro Municipal Irmás Froilaz entre os meses de abril e xullo, dependendo da opción elixida, e poderán beneficiarse das mesmas un total de 75 persoas, quince por cada curso. O prazo de inscrición, nun máximo de dous cursos, rematará o 23 de marzo.

O curso de Peixeiro terá unha duración de 300 horas e desenvolverase do 1 de abril ao 28 de xuño; o de Electricidade básica tamén terá unha duración de 300 horas e impartirase do 4 de abril ao 29 de xuño. O de Panadería e bolería, unha das novidades na programación do Habilita 2016, consta de 310 horas formativas desde o 8 de abril ata o 7 de xullo. Estes tres cursos contemplan a realización de prácticas en empresas, cunha duración de 100 horas.

As sesións de Xestión de almacén-carretilleiro terán unha duración de 100 horas e, as de Conversa en inglés de 80 horas, se ben nestas últimas é un requisito imprescindible ter uns coñecementos mínimos dese idioma, debendo superar os aspirantes ás prazas unha proba de nivel.

A concelleira de Formación destacou o compromiso do goberno local con esta área e asegurou que «con este tipo de cursos ofrécese ás persoas desempregadas a posibilidade de formarse en distintas materias, o que sen dúbida, no caso de finalizar con éxito as sesións, lles permitirá ter máis facilidades á hora de optar a un posto de traballo». Así mesmo, Hermida animou ás persoas que cumpran os requisitos establecidos a inscribirse nos cursos e agradeceu «a colaboración que sempre nos prestan as empresas para completar aínda máis a formación do alumnado».

As persoas interesadas en anotarse deben cumplimetar unha instancia dispoñible no Rexistro Xeral do Concello e na páxina web www.naron.es. Deberán entregar os documentos no Rexistro municipal de luns a venres, en horario de 8:30 a 13:30 horas. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. O alumnado que resulte admitido recibirá unha comunicación do Concello para que presente a documentación requerida nestes procedementos, para o que disporá dun prazo de tres días desde esa comunicación.

Para obter máis información pódese contactar co persoal do Servizo Sociocomunitario, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1123/ 2602/ 1120 e 1107).

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …