Narón celebra o VII Festival Internacional de Narración Oral «Conta con Narón»

conta con naron 2-3A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, anunciou a celebración a partir do vindeiro xoves, día 3, da sétima edición do Festival Internacional de Narración Oral Conta con Narón. Na convocatoria participarán  este ano como convidados Nelson Calderón (Colombia), Boniface Ofogo (Camerún), Quico Cadaval (Galicia) e Paula Carballeira (Galicia), que protagonizarán sesións independentes e unha Contada Colectiva o venres, día 4, no auditorio municipal de Narón a partir das 20:30 horas.

A edil de Cultura recordou que «esta convocatoria nace como extensión do Festival da vila de Agüimes (Gran Canaria), que comezou o pasado 22 de febreiro e remata mañá». A entrada para asistir á Contada Colectiva ten un prezo de 7’50 euros para o público en xeral e é gratuíta para os abonados, se ben os acompañantes destes últimos, un máximo de dúas persoas, pagarán cinco euros por cada localidade.

O Café Teatro do Pazo da Cultura acollerá este xoves a inauguración do Festival Internacional de Narración Oral Conta con Narón, a partir das 20:30 horas, co espectáculo de Nelson Calderón. Na xornada do venres terá lugar a Contada colectiva dos catro convidados e o sábado haberá dúas Contadas Infantís, coa participación de Boniface Ofogo e de Paula Carballeira.

O festival chegará tamén ás aulas dos CEIP da Gándara, A Solaina e do CPI O Feal. Os narradores Nelson Calderón e Paula Carballeira estarán o venres cos alumnos de quinto e sexto curso de educación Primaria dos colexios da Gándara e A Solaina, respectivamente, e Quico Cadaval desprazarase ao CPI O Feal, onde estará con alumnos de terceiro curso.

A cita final do programa terá lugar o sábado, con dúas Contadas Infantís que comezarán ás 12 horas. Os protagonistas serán nesta ocasión Boniface Ofogo, que estará no Centro Cívico Social de Xuvia, e Paula Carballeira, na Biblioteca Municipal do Alto.

A concelleira de Cultura explicou que con esta iniciativa se aposta un ano máis por «achegar á cidadanía novas propostas de artes escénicas, que permitan interactuar neste caso aos narradores co público e que se realizan fóra dos espazos escénicos habituais». Marián Ferreiro destacou a calidade dos artistas convidados e animou á veciñanza a acudir a estas convocatorias «nas que a través dos protagonistas teremos a oportunidade de escoitar historias moi variadas e dirixidas tanto aos adultos como ao público infantil».

Lea también

Aprobado no pleno de Narón o novo PXOM por unanimidade da corporación local

A corporación local de Narón aprobou na tarde de este xoves por unanimidade a aprobación inicial …