A concelleira de Culturado Concello de Narón, Marián Ferreiro, visitou esta mañá con representantes da corporación local a mostra de traxes e instrumentos tradicionais instalada no Pazo da Cultura co gallo do programa de actos conmemorativos do Día de Rosalía.
A edil estivo acompañada pola portavoz do PSOE, Catalina García, e a concelleira de Igualdade, Teresa Sabio. A exposición está formada por unha vintena de traxes tradicionais galegos propiedade do Grupo de baile tradicional Alxibeira de Narón, e varios instrumentos da época como o tambor, pandeireta, bombo, pandeiro, charrasco, etc., realizados no Taller de Construción de instrumentos do Padroado da Cultura. A mostra, ubicada na entrada do Pazo, poderá visitarse ata finais da vindeira semana no horario habitual de apertura das citadas instalacións.
Xunto a cada un dos traxes hai un cartel no que se explica o uso e a composición dalgunhas desas prendas, así como a tradición de empregar materiais como o liño ou a lá, moi demandados na época en Galicia para realizar este tipo de roupa. Os traxes expostos son os que utilizan habitualmente nas súas actuacións os integrantes do grupo de baile Alxibeira de Narón, e a maioría deles son reproducións realizadas por profesionais coñecedores das tradicións da época e con gran experiencia neste tipo de vestimentas, tal e como explicou a edil da área. De tódalas pezas expostas no Pazo unha delas, un mandil dunha familia de Momán, «non é unha reprodución senón que se trata dunha peza orixinal», indicou.
A concelleira de Cultura animou aos veciños a visitar esta mostra, «na que podemos ver vestimentas propias dos homes e mulleres da época e ler as oportunas explicacións que se ofrecen nos carteis sobre os materiais empregados na súa elaboración e tamén sobre a finalidade desas pezas, o que representa unha moi boa oportunidade para ver de preto a roupa coa que bailan os integrantes de Alxibeira, aos que presta estes traxes o Padroado da Cultura». Así mesmo, a edil destacou o traballo realizado polos alumnos dos Talleres de Construción de instrumentos que se convocan anualmente desde o Padroado da Cultura «cuxo excelente traballo podemos ver, en parte, tamén nesta mostra».