O BNG acusa a FEVE de non dispor de medios para cubrir os servizos

(Foto: Enrique Pernas).
(Foto: Enrique Pernas).

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol censura que no día de hoxe, unha vez máis, o servizo de ferrocarrís de vía estreita, a antiga FEVE, non se atopa operativo, por non dispor de medios para reparar as maquinas causando un grave prexuízo para as persoas usuarias do mesmo, cubrindo este servizo, a empresa, a través de taxis ou autobuses.

Para o BNG é inasumíbel que se den situacións como esta na que se da a circunstancia de que non se preste este servizo pola ausencia de maquinaria, ou se dispoñen limitacións de velocidade nos traxectos pola falla de mantemento das vías que demostra a desídia na xestión deste servizo.

O deterioro deste servizo súmase ao abandono do servizo de media distancia na rede de ancho ibérico da conexión Ferrol- A Coruña que evidencia o absoluto desprezo por parte do estado respecto dunha infraestrutura básica como é o ferrocarril que sirva de vertebración do noso territorio namentres que a conexión con Madrid se ten convertido nunha obsesión.

O BNG considera imprescindíbel que se acometan as melloras necesarias para rematar con estas situacións que impiden que os ferrocarrís poidan circular así como cos continuos atrasos que se veñen producindo nos servizos de Feve na Galiza, con grave prexuízo para as viaxeiras, que se acometan traballos urxentes de conservación e mellora da infraestrutura, en especial a consolidación de trincheiras, limpeza de vexetación e renovación de travesas, vías e balastro e se proceda a revisión e mantemento adecuados do material rodante dispoñíbel, así como a oportuna renovación.

ADECUAR OS SERVIZOS ÁS NECESIDADES SOCIAIS

Para o BNG é preciso que se adecuen os servizos ás necesidades sociais, colaborando a unha verdadeira relación intermodal, tanto nas comarcas de Ortegal e Ferrolterra como na Mariña. En particular, se solucionen as deficiencias observadas e se garantan as conexións de algúns servizos procedentes de A Mariña e Ortegal cos respectivos de Renfe, especialmente en dirección a Coruña. Así mesmo, hai que dotar a FEVE na Galiza do persoal e dos medios adecuados para garantir unha atención correcta das necesidades do servizo, incluído o control real do número de viaxeiros e a a correcta atención ao público.

O BNG lembra que a situación que atravesan os servizos ferroviarios de vía estreita, antiga FEVE, que comunican a nosa cidade coa comarca do Ortegal e A Mariña esta sendo moi deficiente en canto a calidade do servizo, con continuos retrasos o que demostra que a dirección de RENFE RAM non ten ningún interese na potenciación e mellora desta liña ferroviaria.
Ademais o BNG indica que podemos atoparnos con unidades de viaxeiros (ferrocarrís) que levan avariados desde hai anos, o que unido à falla de mantemento das infraestruturas provoca que a prática totalidade das expedicións cheguen ao seu destino con retraso. .
Estes retrasos veñen motivados por un aumento das precaucións nas trincheiras debido a falla de conservación das mesmas desde fai máis de 10 anos, non se corta a maleza, producindo a aparición de túneles vexetais unido as deficiencias pola falla de conservación das propias vías. Tamén sinalan que en moitas das viaxes os ferrocarrís circulan sen interventores, provocando que teñan que facer parada en todas as estacións, cando coa presencia deste persoal as viaxes gañarían axilidade xa que so pararían naquelas estacións para as que hai solicitudes de paradas.

Lea también

Sabores de outono, cita gastronómica con premio en el barrio ferrolano de Ultramar

  Este fin de semana tendrá lugar en el barrio de Ultramar la primera edición …