A ANPA do CEIP Juan de Lángara denuncia a entrada de xabaríns no recinto escolar

A ANPA convoca un peche humano este próximo xoves, 12 de novembro, ás 9:00 horas, para esixir ao Concello de Ferrol unha solución urxente que garanta a seguridade do alumnado.

A ANPA do CEIP Juan de Lángara, denuncia publicamente a situación que está a vivir a comunidade educativa pola entrada reiterada de xabaríns no recinto escolar, unha problemática que leva tempo sendo coñecida e que continúa sen unha solución efectiva.

A preocupación das familias é especialmente grave porque a presenza destes animais non se limita ás horas nas que o colexio permanece baleiro, senón que se teñen detectado xabaríns mesmo á hora de entrada dos nenos e nenas ao comedor escolar, coincidindo cun momento de movemento habitual do alumnado.

Esta circunstancia incrementa a preocupación pola seguridade dos menores e pon de manifesto a necesidade dunha intervención inmediata. Non se trata unicamente dos danos que os animais ocasionan nas instalacións, senón da posibilidade de que se produza un encontro entre os xabaríns e o alumnado durante a actividade escolar.

«Non podemos normalizar que haxa xabaríns dentro dun colexio, e moito menos que a súa presenza coincida coa entrada dos nenos e nenas ao comedor. Non podemos esperar a que suceda algo para actuar».

Vídeo en Instagram: https://www.instagram.com/p/DfVLB0ejv_O/?mdxt=djd1eHpqODE5ZWhi

As imaxes difundidas amosan a presenza destes animais e o deterioro que provocan nas zonas verdes, co terreo levantado pola súa actividade. Para as familias, a situación evidencia que o recinto escolar non conta cunha protección perimetral eficaz fronte á entrada de fauna salvaxe. A ANPA acompaña esta denuncia cun vídeo difundido en Instagram que permite visualizar a situación e os danos ocasionados no recinto escolar

Un problema coñecido e unha solución aprobada polo pleno

A ANPA lembra que esta situación non é nova nin descoñecida para o Concello de Ferrol. Xa durante os primeiros meses de 2026, distintas entidades sociais e veciñais de Canido trasladaron formalmente ao Concello a necesidade de actuar sobre o deteriorado peche perimetral do CEIP Juan de Lángara, sinalando que o seu estado facilitaba a entrada constante de xabaríns.

Estas demandas chegaron ao pleno municipal do 25 de xuño de 2026, no que se aprobou por unanimidade unha moción que recollía, entre outras medidas, a renovación integral e urxente do peche perimetral para impedir a entrada de fauna salvaxe, garantir a protección das persoas usuarias e preservar as instalacións.

A moción tamén contemplaba medidas de limpeza, salubridade e mantemento dos espazos exteriores, así como o financiamento das actuacións mediante unha partida municipal específica, sen detraer recursos do mantemento ordinario do centro educativo.

Máis de catro meses despois da aprobación dese acordo, as familias seguen reclamando unha solución efectiva. Non abonda con recoñecer o problema ou aprobar iniciativas institucionais: é imprescindible que os compromisos se traduzan en actuacións concretas, cun calendario e cos recursos necesarios.

Un mantemento imposible mentres continúen entrando xabaríns

Á preocupación pola seguridade súmase o deterioro constante das instalacións exteriores. A entrada reiterada de xabaríns provoca danos nas zonas verdes, remexe a terra e deixa o terreonunhas condicións que dificultan enormemente os labores habituais de conservación.

Desde a ANPA sinalan que resulta practicamente imposible manter o recinto escolar en boas condicións cando os animais poden entrar unha e outra vez e desfacer o traballo realizado. Esta situación afecta tamén á imaxe do colexio, que dificilmente pode presentar uns espazos exteriores coidados e dignos mentres persista o problema.

As familias consideran inxusto que o estado das instalacións poida transmitir unha imaxe de falta de mantemento cando existe un problema estrutural —o deterioro do peche perimetral— que impide que os esforzos de conservación teñan resultados duradeiros.

«Non se pode esixir que un colexio presente unhas instalacións ben coidadas cando os xabaríns entran continuamente e estragan o terreo. Por moito que se limpe ou se arranxe, se non se impide a súa entrada, o problema volve repetirse».

A ANPA subliña que, aínda que a conservación e a imaxe do centro son importantes, a prioridade absoluta é a seguridade do alumnado. Así mesmo, insiste en que unha actuación desta envergadura non debe financiarse a costa dos recursos destinados ao mantemento ordinario do colexio.

Un espazo utilizado tamén por entidades deportivas

As consecuencias desta situación van máis alá da actividade lectiva. O recinto do CEIP Juan de Lángara tamén acolle actividades doutras entidades, entre elas o Club de Rugby Ferrol, que utiliza o campo de herba. A entrada dos xabaríns provoca danos no terreo e problemas de salubridade que dificultan o desenvolvemento das actividades deportivas en condicións adecuadas.

As familias convocan un peche humano este xoves 12

Ante a persistencia desta situación, a ANPA convoca para este xoves, 12 de novembro, ás 9:00 horas, un peche humano simbólico arredor do colexio, co obxectivo de reclamar a protección que debería garantir o peche perimetral das instalacións.

Baixo o lema «PECHE HUMANO POLO NOSO COLEXIO! POR UN COLEXIO SEGURO!», a comunidade educativa fai un chamamento ás familias, ao profesorado, ás entidades veciñais e deportivas e ao conxunto da cidadanía para participar nesta mobilización pacífica. «Se a Administración non garante un peche que impida a entrada dos xabaríns, as familias faremos un peche humano para reclamar que se faga».

Seguridade e solucións xa

A ANPA reclama ao Concello de Ferrol que adopte de maneira urxente as medidas necesarias para garantir a seguridade do recinto, acometa a renovación integral do peche perimetral e estableza as actuacións de limpeza, recuperación e mantemento das zonas afectadas. Así mesmo, solicita que se informe á comunidade educativa dos prazos previstos.

Lea también

Concello de Ferrol y Fundación Cibervoluntarios impulsan la formación digital y el empoderamiento de las mujeres

El convenio permitirá desarrollar de manera gratuita programas, talleres y actividades formativas para reducir la …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.