Un total de dez agrupacións participarán o vindeiro sábado, día 6, no Festival de Comparsas de Entroido organizado polo Padroado de Cultura de Narón. Entre as formacións participantes están seis de Narón e catro procedentes doutros concellos da comarca, tal e como indicou a vicepresidenta do Padroado da Cultura e edil da área, Marián Ferreiro.
A cita festiva comezará ás cinco da tarde, cunha concentración das diferentes formacións na Praza da Constitución, no barrio da Solaina. Desde alí partirá a comitiva cara ao Pazo da Cultura, percorrendo tramos das rúas da Solaina, avenida Santa Icía, estrada de Castela e Reis Magos, para ás 18 horas dar comezo o Festival de Comparsas no Pazo da Cultura.
Do termo municipal naronés estarán presentes as comparsas Troupele, Troupele, da Gándara; Argalleiros, tamén da Gándara; Os Colludos, do Alto do Castiñeiro; Semente de Trasancos, de San Mateo de Trasancos; Os Parrandolos, de Piñeiros e Os nenos de Lola, da Solaina. Sumaránse a esta cita festiva procedentes doutros concellos as agrupacións: A Revolta, de Ferrol; Os Trastos, de Valdoviño; A Canteira, de Neda e Xente de aquí e de acolá, de Pontedeume. As actuacións que se sucederán no Pazo terán unha duración máxima de dez minutos por comparsa e tratarán temas relacionados coa localidade. As tres mellor clasificadas recibirán como premio unha figura de Entroido.
No que respecta ao apartado económico, as agrupacións de Narón recibirán 600 euros en concepto de axuda, e as doutros concellos 300. A maiores destas contías, aquelas que participen no programa de dinamización do Entroido programado nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade os días 4 e 6 de febreiro, recibirán 100 euros por día, ata un máximo de 200, tal e como recordou a edil.
A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, agradeceu a participación de todas estas agrupacións, «que un ano máis farán posible que a veciñanza poida gozar dos actos programados desde o Concello para estas datas con motivo do Entroido» e animou aos naroneses e naronesas a acudir ao tradicional Festival de Comparsas no Pazo.