O edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, anunciou na mañá deste xoves que un total de dezaoito establecementos hostaleiros da localidade participarán no Concurso de Tapas de Entroido 2016 organizado polo Concello no marco do programa Narón Gastronómico. A cita desenvolverase desde o vindeiro xoves 4 de febreiro ata o mércores 10 co obxectivo, explicou Villamar, de “dinamizar o sector hostaleiro do municipio”.
Ao certame preséntanse máis de 23 creacións nas modalidades de Entroido e Tapa Creativa doces e salgadas, que as persoas que acudan durante as datas indicadas aos espazos gastronómicos concursantes poderán degustar e valorar, grazas a unhas papeletas que se distribuirán nos locais. O xurado, designado pola organización, estará integrado por un membro do concello, un crítico gastronómico e un cociñeiro, os cales farán a degustación das tapas participantes durante as datas do concurso, valorando de 1 a 5 puntos a presentación, sabor, elaboración e adecuación da creación gastronómica ás bases do concurso. En total, repartiranse cinco premios, un de votación popular e catro que elixirá o xurado.
O galardón da votación popular está dotado con 250 euros e un diploma acreditativo da participación no certame. Decídeo o público que visite os establecementos durante as datas indicadas, puntuando do 1 ao 5 a tapa degustada e depositando o seu voto nunha urna colocada no mostrador. O sistema do reconto dos votos emitidos polo público farase mediante a suma de todos os puntos obtidos polo establecemento e tapa, (admitíndose só un voto por cada tapa, é dicir, un único voto por cliente e tapa). No caso de que o establecemento hostaleiro ofreza máis dunha tapa, poderase votar só unha vez por cada unha delas.
Así mesmo, repartiranse catro premios designados polo xurado: dous para Tapa Creativa, dotados con 400 e 250 euros, respectivamente, e outros dous para as de Entroido, tamén de 400 e 250 euros, a maiores, en ambos casos, do diploma acreditativo. O xurado, designado pola organización, estará integrado por un membro do Concello, un crítico gastronómico e un cociñeiro, os cales farán a degustación das tapas, valorando de 1 a 5 puntos a presentación, sabor, elaboración e adecuación da creación gastronómica ás bases do concurso.
O nome dos establecementos premiados darase a coñecer a través da web do Concello.
O certame inclúe o sorteo de cinco ceas para dúas persoas entre o público que participe nas votacións do concurso. A organización porase en contacto telefónico coas persoas que resulten premiadas.
ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES
Nesta edición participan os seguintes establecementos: Cervecería Australian (Filloa de Cocido); Cervexería Índalo (Filloa de Entroido e Índalo Creativo); Cervexería O Druída (Espetada de friame de cocido e Café de cocido co seu churriño), Sidrería O Bosque (Tapa Mascariñas); Bar Vituco (Cocido do Entroido e Tortilla con pemento e salsa verde); Gastrobar Piñeiros (Mousse de grelo con queixo do Cebreiro e lacón sobre pan de centeo); Mesón O Pío (Churro de cocido); Restaurante A Trasanquesa (Chupiño de Entroido e Carrilleira en crema de champiñóns); Restaurante Fortunato (Lacón estilo Fortunato); Romero II (Cocido do Romero); O Recanto (Sorpresa de cocido); O Pozo (Cocido estilo O Pozo); O Paseo (Brocheta estilo O Paseo; Mar Bravo); Café Cachimba (Entrefrebado de Lugo); Mesón O Cuco (Roupavella de lacón con grelos; O noso porquiño); Café-Bar Gola (Tortilla con Mollo); Café Bar Devesos (Revolto de grelos con chourizo) e Parrillada do Couto (Empanada de Entroido).