O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a edil de Formación e Mocidade, Natalia Hermida, entregaron na mañá deste xoves no Concello un total de 63 diplomas aos alumnos de catro cursos convocados no marco dos programas formativos municipais “Habilita 2015” –a 48 persoas- e “Mocifor 2015” –a outras 15-.
No marco da primeira das modalidades entregáronse os correspondentes a “Xestión de almacén e carretilleiro/a”; “Prevención de riscos laborais” –houbo dúas edicións- e “Autoemprego”, se ben o outro curso, do programa “Mocifor 2015” neste caso, foi tamén de “Xestión de almacén e carretilleiro/a”, debido á elevada demanda de prazas.
As sesións formativas dirixíanse a persoas desempregadas empadroadas no municipio e, no caso da modalidade “Mocifor 2015”, con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos. O curso de “Prevención de riscos laborais” tivo unha duración de 60 horas, e os restantes de 100 horas cada un. A edil de Formación e Mocidade, Natalia Hermida, valorou a participación do alumnado e felicitouno por ter rematados estes cursos programados desde o Concello.
O alcalde, José Manuel Blanco, incidiu en que “é o tempo da formación” e comprometeu o apoio do goberno local a este tipo de convocatorias, ao tempo que desexou moita sorte aos alumnos e alumnas que recibiron os seus diplomas e expresou o seu desexo de que mellore a situación e descendan as preocupantes cifras de desemprego.