A sala Infantil da Biblioteca Municipal acolleu este sábado o acto de entrega de diplomas ás persoas distinguidas como «Usuarios de honra 2015» do citado centro. Os encargados de dar os citados diplomas foron o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a edil de Bibliotecas, Mercedes Taibo.
Este foi o terceiro ano consecutivo no que se concederon estas distincións, que recaeron en: Nerea López Camba, Lucía Hurtado Fontao, Inés Mosquera Martínez, Hugo Calvo Mauriz e Marco Calvo Mauriz, no apartado de menores de 14 anos, e en: Dora Pereiro Grandal, Ana María Puentes López, Ana López Freire, Roberto Pantín Rodríguez e Jonatan León Barrul na categoría de adultos. Os nomeamentos concédense tanto polo uso realizado dos fondos do centro como pola participación e implicación nos distintos obradoiros e outras actividades que alí se convocan ao longo do ano.
A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, felicitou aos gañadores e gañadoras e tamén destacou a labor que realiza o persoal que traballa nas instalacións. Pola súa parte, o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, tras dar a noraboa aos novos «Usuarios de honra» da Biblioteca Municipal, animounos a continuar na mesma liña e fixo especial fincapé nas distincións da categoría dos menores de catorce anos, incidindo en que «é moi importante que sigades tan implicados e aproveitando tan ben as actividades e os servizos que se ofrecen neste centro porque vós sodes o futuro de Narón».
O número de socios das instalacións é na actualidade de 15.947, tal e como apuntou a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, que indicou que «hai tan só dous anos que se inscribiu o socio número 15.000, o que reflicte a boa acollida que teñen as instalacións e constata a calidade dos servizos que dende alí se prestan á cidadanía».
A Biblioteca Municipal comezou a súa andaina no ano 1986 nas instalacións da Casa da Cultura –coñecidas como o Chalé de Antón-. O 23 de abril do ano 2003 tivo lugar, con motivo da conmemoración do Día do Libro, o traslado ás actuais instalacións, localizadas na rúa 25 de Xullo. A lectura en sala, o préstamo a domicilio, a formación de usuarios, a hemeroteca e o préstamo de documentos electrónicos son algúns dos servizos prestados na biblioteca, que atende unha media de duascentas persoas ao día –entre todos os servizos-, tal e como apuntou a concelleira da área, Mercedes Taibo.
A edil naronesa indicou ademais que «desde o mes de outubro de 2015 os usuarios e as usuarias poden interactuar coa biblioteca a través das redes sociais, en Facebook (Biblioteca Pública Municipal de Narón) e Twitter (@BibliotecaNaron), desde onde se informa tamén puntualmente das novidades e actividades que se desenvolven no centro».
O horario de apertura é, durante a tempada invernal, de luns a venres desde as 9.30 ata as 13.30 e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados desde as 10.00 ata as 13.00.