A programación deseñada polo Concello de Narón con motivo das festas de Nadal –presentada na mañá deste xoves- desenvolverase entre os días 19 de decembro e 5 de xaneiro. As edís de Festas, Mar Gómez, e de Acción Social, Catalina García, deron a coñecer os actos acompañadas polo presidente e a tesoureira do Moto Club Fojeteiros, José López Quintián e Raquel García García, respectivamente.
O programa comezará a desenvolverse o día 19, coa sétima edición da Xornada Moteira Solidaria organizada polo Moto Club Fojeteiros e na que se recollerán alimentos non perecedeiros, xoguetes e roupa para o Centro de Recursos Solidarios de Narón. Ás 16.15 horas partirá da Praza de Galicia a “Ruta moteira” que irá a buscar a Papá Noel para que os nenos e nenas poidan reunirse con el e entregarlle as súas cartas de Nadal. Os moteiros realizarán un percorrido pola Solaina, A Gándara, Xuvia, San Xiao e a estrada de Cedeira ata chegar de novo pola estrada de Castela á Praza da Gándara, sobre as 17.00, tal e como explicou Quintián. Unha hora máis tarde, ás 18.00, comezará na citada ubicación un Maratón de zumba coordinado por seis monitores profesionais. As persoas que desexen participar poderán facelo donando dous quilos de alimentos ou algún xoguete. Unha chocolatada, un circuito de Scalextric (do Scalextric Club Ferrolterra) e moitas sorpresas completarán esta xornada festiva e solidaria. Os moteiros que desexen participar na ruta teñen que entregar tamén dous quilos de alimentos non perecedeiros ou algún xoguete e participarán no sorteo, ás 21.00 horas, de dúas inscricións para Concentración moteira Cidade de Narón que se celebrará o vindeiro ano.
A programación festiva continuará o día 24 de decembro, cando, tal e como explicou a edil de Festas, Mar Gómez, haberá unha Festa Infantil, entre as 16.00 e as 20.00 horas con música a cargo de “La Guagua” e cunha visita especial a partir das 18.30 horas, a de Papá Noel. Ademais haberá inchables, camas elásticas e outras actividades dirixidas aos máis pequenos da casa.
O día 26 de decembro terá lugar o Narón Rock Festival, que inclúe as actuacións dos grupos La piel del oso, Pölisong, Barrock, Riff Raff e Los claretes, a partir das 21.30 horas.
O día 27 estarán a familia ao completo dos Bolechas –os seis irmáns e o seu can Chispa- na Praza de Galicia, con diversas actividades para os nenos e nenas e varios sorteos de agasallos, desde as 17.00 ata as 19.00 horas.
O día 28 de decembro chegará o espectáculo musical de O Nadal coas Maimiñas, de 18.00 a 19.00 horas. Estas dúas últimas actividades están organizadas desde a Concellería de Ensino – Servizo de Normalización Lingüística-, área á fronte da que está a edil Mercedes Taibo.
O inicio de 2016 festexarase na localidade como vén sendo habitual, coa Festa de Aninovo, o día 1 de xaneiro, que comezará ás 00.30 horas cunha sesión de fogos de artificio. A música centrará esta convocatoria programada para celebrar a chegada do novo ano, amenizada nesta ocasión pola orquestra New York, o DJ Donper e a agrupación Imperium Road Show. As actuacións sucederanse baixo unha carpa de 1.000 metros cadrados, con capacidade para unhas 4.000 persoas, instalada na Praza de Galicia e que terá outra carpa anexa, de menores dimensións –uns 250 metros cadrados- habilitada como zona de descanso.
Os nenos e nenas serán de novo os protagonistas na xornada do 3 de xaneiro, con outra Festa Infantil que comezará ás 16.00 horas e na que ata as 20.00 horas se sucederán actuacións musicais, a cargo de “La Guagua” e diversas actividades dirixidas aos menores.
O broche final da programación será o 5 de xaneiro, coa Cabalgata Solidaria que partirá ás 16.00 horas de Xuvia hacia a Praza de Galicia. En total haberá trece carrozas, unha de cada parroquia e, a maiores, unha propia do Centro de Recursos Solidarios de Narón. Nelas irán catro Reis Magos, xa que como é habitual na localidade acompañará a Melchor, Gaspar e Baltasar o rei Artabán, e xuntos percorrerán as diferentes parroquias. A concelleira de Acción Social, Catalina García, explicou que algunhas das carrozas estarán decoradas con cargo aos talleres “Prazas Vivas” que se desenvolven nas parroquias, e nos que tamén se confeccionan algúns traxes das comitivas.
A edil recalcou que se trata dunha convocatoria coa que se pretende buscar a colaboración cidadá e tamén para concienciar aos nenos e nenas da importancia de evitar o “consumismo” propio destas datas de Nadal.
A concelleira de Festas, Mar Gómez, animou aos veciños e veciñas de Narón a participar nas diferentes xornadas festivas programadas polo Concello con motivo do Nadal, incidindo no feito de que, como é habitual, “trátase dunha gran variedade de actos interxeracionais, pensados tanto para os maiores como para os nenos e nenas, que gozarán destes días festivos participando activamente nas convocatorias” As edís de Festas e Acción Social solicitaron ademais á veciñanza que “na medida das súas posibilidades contribúa a unha causa solidaria a través das doazóns ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, axudando a que as persoas que teñen menos recursos poidan gozar tamén destas festas”.