Un total de vinte e seis alumnos e alumnas de quinto curso de Primaria do colexio «Santiago Apóstol» de Narón visitaron na mañá deste mércores o Concello. Os escolares estiveron acompañados por unha mestra e tiveron a oportunidade de coñecer varias estancias da administración local e tamén de reunirse co alcalde, José Manuel Blanco, ao que lle realizaron diversas preguntas durante a súa estancia no salón de plenos municipal.
Os nenos e nenas coñeceron a través da proxección dun video algún dos aspectos do funcionamento da administración local. Así mesmo, interesáronse polo traballo que desenvolve a diario o alcalde, José Manuel Blanco, no Concello, polos seus hobbies e tamén polo seu desembarco na vida política, entre outros moi diversos asuntos.
Como agasallo institucional recibiron un bolígrafo e unha gorra, que despois pediron que lles asinaran tanto o rexedor local como a primeira tenente de alcalde e edil de Cultura, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, presentes tamén na visita ao salón de plenos.