As Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura teñen un total de 1.271 alumnos e alumnas durante o presente curso

naron-pazo da culturaUn total de 1.271 persoas matriculáronse este ano nalgunha das Escolas Culturais Municipais que se imparten a través do Padroado da Cultura, organismo dependente da Concellería de Cultura, dirixida pola edil Marián Ferreiro, que á súa vez é vicepresidenta do citado organismo. As Escolas Tradicionais e Artísticas do Padroado da Cultura rexistraron un total de 784 matrículas para este curso (69 persoas máis que no curso 2014-2015) e as Escolas conveniadas 487 para o curso 2015-2016, iniciado o pasado mes de outubro e que rematará en xuño. A edil da área valorou o feito de que máis dun milleiro de persoas acodan anualmente ás clases que se ofertan desde o Padroado da Cultura, asegurando que «é precisamente ese dato un dos que fai posible que Narón continúe apostando por manter e mellorar ano tras ano a oferta cultural na localidade, porque somos conscientes de que a aposta que se fai desde o goberno local pola Cultura obtén o respaldo que precisa dos veciños e veciñas de Narón».

As clases de Canto e pandeireta e as de Gaita foron as que tiveron maior demanda entre o alumnado, formalizándose un total de 122 matrículas en cada unha das modalidades. A danza tradicional asistirán un total de cen alumnos e alumnas; ás sesións de Construción de Instrumentos 62; ás do Recuncho dos pequechos un total de 45; ás de Acordeón, 42 –esta modalidade impartirase por primeira vez este ano en Narón-; ás de Debuxo, 42; ás de Percusión, 38 e ás de Zanfona, 31. No que respecta ás clases de Teatro, hai 179 alumnos este curso.

Dos 487 alumnos e alumnas das Escolas conveniadas, un total de 308 acudirán ás clases de Bailes deportivo e de salón e 179 ás da Asociación Cultural Musical Sementeira, que oferta clases de Música e movemento –con 8 alumnos este curso-, Iniciación á linguaxe musical -10 persoas-, Linguaxe Musical (1º a 6º curso) -27 alumnos- e Instrumentos (Percusión, Clarinete, Saxo, Frauta, Oboe, Trombón e trompeta, Violonchelo, Trompa e Fagot e Requinto) –con 55 matriculados-. Na Banda Infantil de Sementeira están 36 persoas e na Xove Banda de Narón un total de 43.

«A medida que a situación económica o permita e en resposta ás posibles futuras demandas dos alumnos e alumnas das Escolas do Padroado da Cultura de Narón, desde o goberno local trataremos de ampliar o número de cursos a ofertar á cidadanía, tal e como viñemos facendo nos últimos anos, para continuar reforzando un servizo, o Cultural, que desde sempre entendemos como un dos prioritarios no Padroado», subliñou Marián Ferreiro.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …