O secretario xeral de Terra Galega, concelleiro de Cultura de Narón e presidente da Comisión de Facenda, Guillermo Sánchez Fojo, saíu ao paso das declaracións feitas polo candidato do PP naronés, Miguel de Santiago, nas que acusaba ao goberno local a anular na Comisión unha transferencia nominativa para a AVV de Sedes co fin de celebrar o Oenach Atlántico, unha afirmación “totalmente falsa”, subliñou. Sánchez Fojo asegurou que o Concello aportará os 18.000 euros previstos para a celebración deste evento na parroquia a través da pertinente subvención, tal e como se aprobou no pleno, e denunciou unha vez máis as mentiras do PP de Narón e os seus incumprimentos cos veciños da localidade en xeral e desta parroquia en particular.
Nun comunicado de TEGA sinalase que «O concelleiro de Cultura de Narón e presidente da Comisión de Facenda, Sánchez Fojo, mantivo unha reunión con Miguel de Santiago para anunciarlle este último o compromiso de que a Deputación da Coruña –De Santiago é deputado provincial- aportaría a mesma contía económica que o Concello ao evento, é dicir, 18.000 euros. Días máis tarde o popular Miguel de Santiago reuníase cos representantes da AVV de Sedes para anunciarlles o mesmo compromiso, se ben tal e como lamentan desde o colectivo, aínda non recibiron resposta algunha por parte do candidato e deputado do PP de Narón. É máis, o presidente da AVV de Sedes intentou no último mes, sen éxito, poñerse en contacto telefónico con Miguel de Santiago, que non respondeu ás chamadas do representante da mencionada entidade veciñal.» “Iso si que é deixar aos veciños e veciñas na estacada, é moi lamentable dar a calada por resposta e agora recurrir á mentira”, criticou Sánchez Fojo. «O candidato popular, concelleiro e deputado por Narón considera, e así o dixo publicamente, que é o concello o encargado de realizar as xestións pertinentes, o que pon aínda máis en cuestión se cabe cal é o seu papel nas distintas administracións nas que ten representación a parte de cobrar mensualmente durante catro anos polos cargos que ocupa, e demostrando que a súa total falta de compromiso cos naroneses, que chega a límites que rozan o esperpento”.
O edil de Cultura incidiu en que o cambio realizado sobre a modificación desa partida explicóuselle aos representantes da entidade veciñal de Sedes o pasado sábado día 16, no acto de presentación oficial do Oenach, confirmándolles que contarían cos 18.000 euros comprometidos inicialmente polo goberno local.