Apertura en Narón do prazo de inscrición na «II Carreira e andaina pola Igualdade»

 
O Concello de Narón organiza en colaboración coa Federación Galega de Atletismo a segunda edición da “Carreira e Andaina pola Igualdade”, que se celebrará o vindeiro 5 de marzo.
 
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou a convocatoria acompañada polos edís de Igualdade, Mar Gómez, e Deportes, José Oreona, e anunciou que o prazo de inscrición a través da páxina: www.carreirasgalegas.com abrirá o vindeiro luns, día 13, e rematará o 1 de marzo ás 23.30 horas
 
Ferreiro avanzou que se trata dunha actividade enmarcada no programa conmemorativo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, e incluída no III Plan de Igualdade de Narón. Para calquera das modalidades elixidas, carreira ou andaina e independentemente da idade dos participantes, é imprescindible inscrición previa e recollida de dorsal, tal e como se recalcou dende a organización.
 
A saída e meta tanto da carreira como da andaina será das inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara e o circuíto pola zona da Gándara. A carreira terá dúas categorías, unha infantil, con saída ás 10.00 horas e outra absoluta, dende as 11.00 horas para cinco minutos máis tarde, ás 11.05, dar a saída da andaina.  Na andaina poderán participar persoas de todas as idades. O prezo de inscrición é de catro euros para a carreira absoluta e para a andaina, sendo gratuíta para os menores.
 
Estas últimas categorías serán as de prebenxamín (nados en 2016 e posteriores), que percorrerán 100 metros; benxamín-sub 10 (nados en 2014-2015) e alevín – sub 12 (nados en 2012-2013), que percorrerán 500 e 1.500 metros respectivamente; infantil – sub 14 (nados en 2010-2011) que percorrerán tamén 1.500 metros e cadete – xuvenil, sub 16 e sub 18 (nados en 2006-2009 que correrán 2.000 metros.
 
Así mesmo, as absolutas, para nados de 2005 en adiante, terán un percorrido de cinco quilómetros. O límite de participantes estableceuse en 750 para a categoría absoluta, 500 para andaina e 400 nas categorías de menores.
 
A recollida de dorsais e chips poderase efectuar, tal e como figura nas bases, no pavillón da Gándara o venres 3 de marzo de 16.30 a 20.30 horas; o sábado 14 de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 e o domingo 5 dende as 8.30 ata as 9.30 horas.
 
En canto ós premios, haberá para as tres primeiras mulleres e homes das categorías absolutas e tamén das non oficiais. A participante feminina de maior idade que remate a carreira tamén recibirá un premio e nas categorías de menores entregaranse pola carreira medallas a todos os participantes.
 
A proba estará controlada polo Comité Galego de Xuíces e ofrecerase servizo de aseos e duchas no pavillón polideportivo da Gándara. “Un ano máis convocamos este evento, unha proposta máis de cara a dar maior visibilidade á igualdade, que aínda a día de hoxe temos que continuar reivindicando na nosa sociedade para que sexa real entre homes e mulleres”, apuntou Ferreiro.
 
A alcaldesa e os edís de Igualdade e Deportes animaron ós veciños de Narón ou doutros concellos que queiran sumarse a este evento a inscribirse e desfrutar desta xornada.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …