As canles da TVG cambiarán de frecuencia no repetidor do Pico de Ferreira

antena
Desde hai varios meses temos aviso de que antes do 31 deste mes deberemos resintonizar os televisores para poder seguir recibindo todas as canles da TDT. Nas grandes cidades as frecuencias novas e as antigas funcionarán simultaneamente ata ese día, pero en zonas con pequenos reemisores -como é o caso de San Sadurniño– a muda xa se está facendo. É o caso do repetidor do Pico de Ferreira, onde a empresa pública Retegal ten previsto facer o cambio de frecuencias da TVG entre martes e mércores. Por iso, todos os fogares que reciban a Galega e a TVG-2 desde ese reemisor deberán resintonizar os televisores para poder seguilas vendo.

Retegal non informou do día e a hora exacta, senón que deu unha marxe de dous días para variar as frecuencias de emisión. Por iso a resintonización haberá que facela despois de que se produza o cambio, é dicir, cando vexamos que xa non recibimos o sinal da Televisión de Galicia.

No caso dos fogares con antena individual -practicamente todos en San Sadurniño- abondará con coller o mando e darlle á busca automática de canles para que nos detecte de novo a cadea. O procedemento é válido tanto para este cambio como para os que aínda queden por facer ata fin de ano. É importante ter en conta que non fai falla cambiar a antena nin mercar ningún aparello, por iso aconsellamos desconfiar de calquera persoa que nos pete na porta ofrecéndonos arranxar a antena ou o tdt para poder seguir vendo a televisión.

Porén, os edificios ou grupos de vivendas que usen unha antena colectiva deberán contactar cunha empresa de instalación de antenas para que regule as centraliñas ou cambie os amplificadores de cada canle. Insistimos: só fai falla antenista para edificios con antenas colectivas, nas casas chegará con dárlle a buscar as canles de novo.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …