Que Rajoy diga que non sabe se as coitelas da cerca de Melilla poden causar danos nas persoas deixa ao descuberto, unha vez máis, a indecencia dun gobernante ao que lle importan moi pouco (por non dicir outra cousa) os dereitos humanos.
Por outra banda, tampouco é que iso sorprenda moito xa a estas alturas. O dos dereitos humanos e as liberdades non é un dos puntos fortes do partido gobernante. Como xa saben anda o desGoberno nacional preparando unha nova Lei de Seguridade Cidadá, sucesora da famosa Lei Corcuera do PSOE (aquela da patada na porta) lembra tamén, índonos máis atrás, á “Ley de Vagos y Maleantes”, da ditadura. Aquela na que, leses como leses os artigos calquera podía acabar no cárcere: vagabundos, homosexuais… Ten razón a Izquierda Plural cando di que a esta lei do PP habería que chamala “lei de patada na boca”. Así de triste é.
Dende logo, unha lei que limita o dereito de manifestación, que prohibe os escraches (cando son a políticos, claro) e que pena a gravación dos axentes da “orde” cando cometen algunha falcatruada fai que a democracia española, no caso de seguir existindo, sexa cada vez máis pequena.
Que si. Que coñezo todos os argumentos da dereita para endurecer todas as leis que se lles poñen por diante. Pero non cola. Só queren reducir as liberdades e penar a gravación das manifestacións para evitar logo denuncias da represión desmedida. Temos que lembrar os “incidentes” de, por exemplo, as manifestacións do 15-M? Os vídeos? O policía aquel que berraba “que soy compañero, coño”?
O peor de todo é que temo que funcionará nalgunha xente. O medo sempre funciona neste país, parece ser, e eles sábeno ben. Por certo, todos os pseudopatriotas de barra de bar deberían saber que, internacionalmente, os españois acaban de substituír aos italianos nos chistes de covardes. Sabíano? Pois reflexionen sobre iso, a ver se atopan o por que na situación actual do país.