A concellería de Cultura de Fene presentou o avance do programa de actividades culturais de outono. programación que principia o día 19 de setembro coa actividade musical “Rosalía pequeniña” e continuará no mes de outubro cun ciclo de monólogos no que as gargalladas están aseguradas xa que polo escenario da Casa da Cultura de Fene pasarán catro dos mellores monologuistas galegos do momento: Carlos Blanco, Robert Bodegas, Sergio Pazos e Cándido Pazo.
Coa música de Uxía, quen nos presentará o espectáculo “Rosalía pequeniña” o 19 de setembro ás 20.00 h na Casa da Cultura, arrincará a programación cultural deste 2013/2014. A ritmo de muiñeira, de blues ou de rock os nenos e nenas de 6 a 11 anos gozarán coas súas familias dun concerto divertido de alta calidade artística e aprenderán cancións en galego para cantaren xuntos na casa, no coche, no parque… Actuación enmarcada no programa falaRedes que promove a a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
Pero as actividades para os máis pequenos non rematan aquí, xa que a Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé anuncia para 2 de outubro (18 horas) unha sesión de contacontos para nenos/as con Fátima Fernández. Sesión encadrada no programa “Ler conta moito”, subvencionado pola Xunta de Galicia.
O ciclo de monólogos, enmarcado no programa da AGADIC (Consellería de Cultura e Educación) “Cultura no Camiño”, comezará o 4 de outubro coa actuación de Robert Bodegas e o seu espectáculo “No umbral da estupidez”. O día 11 subirá ao escenario da Casa da Cultura Cándido Pazo para presentar as súas “Historias camiñantes” e o 18 Sergio Pazos con “Se galego, my friend”. O ciclo de monólogos concluirá o 23 de outubro con “Carlos Blanco ao vivo (de momento!)”. Todas as actuacións serán ás 20.00 h.
Tamén no apartado literario, a programación inclúe a presentación (con data pendente de confirmar) de “Dióxenes en Dolorida” (Xerais), libro gañador da XXX edición do Premio Blanco Amor.
En canto ás exposicións, a Concellería de Cultura adianta que neste curso 2013-2014 pasarán pola sala de exposicións da Casa da Cultura os fotógrafos Fran Nieto e Anabel Viñas (outubro), a pintora Dulce Anca (novembro), os fotógrafos Tomás Morado e Juan Sixto (decembro), o pintor e humorista gráfico Luis Dávila (xaneiro), a asociación Mésturas (febreiro), a pintora Mari Carmen Sendón (marzo), o pintor José López Andrade (abril), a fotógrafa Iria Santos (maio) e o fotógrafo Román Montesinos (xuño).