O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na tarde do xoves, día 13, na presentación do 29 Festival de Ortigueira, do que asegurou terse “consolidado como un dos mellores festivais folk de todo o mundo”. No acto no que se deu a coñecer oficialmente o cartel e o programa do Festival de Ortigueira, celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, tamén participaron o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; a vicepresidenta da Deputación de A Coruña, Mariel Padín; a xerente da Axencia Galega de Turismo, Elena Barca; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; e o director de marketing de Gadisa, Antonio Cortés; así como o coordinador do festival, Alberto Balboa.
Vázquez Abad resaltou a gratuidade dun evento que non suporá “gasto algún para os miles de mozas e mozos que durante 4 días converterán a capital da comarca de Ortegal no epicentro das músicas de raíz”. Deste xeito, o conselleiro felicitou “tanto ao Concello de Ortigueira como aos numerosos patrocinadores” do festival, “por confiar unha vez máis nos valores que nos unen como pobo”.
O titular de Cultura e Educación valorou a historia do festival ortegán que desde 1978 “decidiu emprender unha viaxe colectiva da man de todos os pobos do mundo, a lo menos, de todos aqueles que responderan a súa chamada da música de liberdade”. Desde entón, para Vázquez Abad o festival converteuse “nunha cita ineludible do verán en un dos referentes mundiais do folk: un auténtico motor das industrias culturais”.
Segundo o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, “Ortigueira ten gañado a pulso a súa condición de punto de encontro”. “Un crisol de culturas conformado por xentes de todas as idades, cores e falas cun único obxectivo: bailar ao son da linguaxe internacional da música”, rematou.
29 Festival de Ortigueira
Nesta edición o festival propón ata quince concertos gratuítos de bandas orixinarias de seis países diferentes. O cartel está encabezado por sete grupos internacionais entre os que destacan numerosas bandas irlandesas de sobranceira calidade. Deste xeito, o Festival de Ortigueira contará nesta edición cos anovadores Kan, da man dos virtuosos Brian Finnegan e Aidan O´Rourke; Guidewers, unha das bandas irlandesas máis solicitadas do momento; os bretóns Gwendal, pioneiros na fusión da música tradicional e rock ou a macrobanda Dán, que une a músicos irlandeses, escoceses, ingleses e bretóns. Así tamén os espectadores poderán gozar do espectáculo ofrecido por Dominic Graham School of Irish Dance, Harmónica creams ou a Bagad Glazik Kemper.
O elenco de artistas que pasarán polo escenario de Ortigueira complétase cos grupos galegos entre os que destacan a Banda Crebinsky, que se define como unha “pequena orquestra popular xurdida dun universo imaxinario”; ou a banda ferrolá Os Cempés. O quinteto coruñés Birimbao; a Escola de Gaitas de Ortigueira; os finalistas do Proxecto Runas 2013, Guezos; e Riobó, nome tras o que está a violinista galega Begoña, completan a cota de representantes galegos.
Asemade tres grupos nacionais -todos eles finalistas no Proxecto Runas 2013- estarán no 29 Festival de Ortigueria. Serán os vascos Ruaille Buaille, os casteláns leoneses Folk on Crest e os baleares Boc.