O policía naronés Juan M.Delgado premiado pola Xunta coa medalla ao mérito da policía local

policia local naron-1O policía local de Narón  Juan Manuel Delgado González recibirá a Medalla ao Mérito da Policía Local concedida pola Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, como recoñecemento á súa actuación en 2012 na que, poñendo en risco a súa vida, salvou un veciño da localidade que se botou ao río.

Desta forma, recoñéceselle a intervención que realizou o 3 de agosto de 2012. Ese día, un veciño de Narón botouse co seu vehículo ao Río Xuvia, na zona de Presa do Rey. A Policía Local recibira unha chamada do servizo de Emerxencias 112 pola caída do vehículo ao río, nunha zona con bastantes correntes de auga.

Ata o lugar desprazouse unha patrulla con tres axentes. Juan Manuel Delgado González botouse ao río, nunha actuación que supuxo un grave risco para a súa propia vida, logrou abrir a porta do vehículo e rescatar a persoa que estaba no seu interior. Os seus compañeiros axudárono despois a chegar a terra e a reanimalo.

Por esta actuación, Juan Manuel Delgado recibe a Medalla ao Mérito da Policía Local, segundo publica este xoves o Diario Oficial de Galicia (DOG), nunha orde do 22 de maio pola que se determinan as distincións e recompensas que se concederán ao persoal dos corpos de Policía Local durante o ano 2013.

As propostas realizadas pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, como unidade directiva competente en materia de coordinación, foron avaliadas pola Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia e sometidas á resolución e ditame da Vicepresidencia e Consellería.

Acto de servizo

Na concesión da Medalla, valórase a Juan Manuel Delgado «a súa intervención nun acto de servizo, ao ser de destacar o seu compromiso de servizo, calidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía».

Juan Manuel Delgado González recibiu este xoves de mans do alcalde naronés a Medalla de Servizos distinguidos do corpo de Policía Local de Narón. Trátase da primeira vez que o Concello de Narón otorga unha distinción destas características, concedida pola súa actuación digna de destacar e especialmente meritoria no rescate dunha persoa sucedido en agosto de 2012.

O acto tivo lugar no pazo da cultura de Narón e foi presidido polo alcalde a quen acompañaban os membros da corporación municipal.

Pero ademáis de distinguir a actuación do Oficial da Policía Local, o Concello de Narón tamén destacou o comportamento dos axentes da Policía Local Carlos Carral Orjales e Manuel Bello Martínez, que estaban de servizo con él nese momento, e que axudaron no rescate e nas labores de reanimación do accidentado. O Xefe da Policía Local de Narón, Eduardo Pita, e o Concelleiro de Seguridade Cidadá, entregáronlles dúas Mencións Honoríficas pola súa actuación.

A concesión destas distincións foi aprobada por unanimidade pola Corporación Municipal de Narón, na sesión plenaria celebrada o 25 de outubro de 2012.

 

 

 

 

 

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …