Formuladas varias reivindicacións de Ares ao presidente de Portos de Galicia

puerto de aresCoincindo coa visita a Ares do presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para presentar o prego de condicións que rexerá o concurso para o mantemento dos pantaláns, o alcalde, Julio Iglesias, o presidente do Club Náutico, Cayetano Galán, e o responsable da Confraría de Pescadores local, Juan Fuentes, puxeron de novo enriba da mesa unha serie de reivindicacións de especial necesidade, en nalgún caso urxencia, para o conxunto dos usuarios das instalacións portuarias do municipio.

A construcción do travel-lift de 80 toneladas, como destacou o rexedor socialista, resulta fundamental. Esta infraestrutura, como xa se dera conta en anteriores ocasións, daría servizo ás embarcacións do pósito e do Náutico e suporía un importante revulsivo para esta zona no eido da náutica deportiva e da pesca. Dase a circunstancia, ademais, que o Goberno autonómico socialista deixara lista a mariña seca e o foso para esta elevadora de embarcacións, polo que unicamente restaría a súa colocación.

A Confraría tamén trasladou a Durán a necesidade de levar a cabo un dragado da zona de atraque pola presenza dunhas pedras que están provocando problemas no traballo dos integrantes do pósito local.

En canto ao Club Náutico, os seus responsables trasladaron ao presidente de Portos de Galicia a importancia de renovarlles a concesión dos pantaláns adaptándoa á realidade actual do Porto de Ares e ás circunstancias presentes da náutica deportiva.

A necesidade de reforzar o subministro eléctrico na nave de departamentos co obxectivo de incrementar a súa potencia e a posta en funcionamento dunha liña de datos específica para os usuarios das instalacións, que na actualidade non teñen, foron outras das demandas que na mañá  deste xoves, día 18, se puxeron de novo sobre a mesa co presidente de Portos de Galicia.

 

 

 

Lea también

O polideportivo de Cedeira convértese nun parque de atraccións polo Nadal

O Concello de Cedeira instalará un ano máis un parque de xogos e atraccións no …