A Xunta entrega 24 vivendas de promoción pública en Narón

naron-viviendasA Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, entregou na mañá deste venres, día 12, aos seus adxudicatarios as chaves de 24 vivendas de promoción pública construídas polo Executivo autonómico en Narón.

No acto de entrega, o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné, quen estivo acompañado polo alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e por representantes dos grupos políticos municipais pediu desculpas aos adxudicatarios polo retraso na entrega das vivendas, situación –explicou- que non é imputable unicamente ao IGVS, xa que houbo que superar múltiples trabas para obter a licenza de utilización do garaxe.

O rexedor naronés felicitou ós adxudicatarios por un doble motivo: ter recibido por fin os seus pisos, e ser veciños de Narón. Polo momento, os garaxes destas vivendas están aínda pendentes de licenza municipal, pero o Alcalde quixo agradecer o esforzo que están a facer os técnicos de Urbanismo para adecuar canto antes estas instalacións á normativa actual.

24 vivendas

No acto entregáronse as chaves de 24 das 35 vivendas construídas, quedando 11 vacantes que se atopan en proceso de adxudicación despois de que xa foron sorteadas o 10 de abril entre os inscritos no Rexistro de Demandantes. A lista de adxudicatarios e reservas está publicada na web do IGVS (http://igvs.es/web/igvs/15), estando agora á espera de que os adxudicatarios confirmen o seu interese (teñen un mes de prazo, dende o pasado 10 de abril).

Das vivendas entregadas, 19 foron adxudicadas en réxime de alugueiro, xa que a normativa indica que así se debe facer cando os ingresos ponderados familiares non superan 1,5 veces o Iprem. No caso das vivendas en réxime de alugueiro o importe mensual do mesmo oscila entre 62,29 e 157,53 euros, en función da superficie da vivenda e dos ingresos dos adxudicatarios.

As restantes cinco vivendas foron adxudicadas en réxime de compravenda, con prezos que oscilan entre 40.703,66 euros e os 62.921,59 euros euros, tamén en función da superficie e dos ingresos familiares.

Tanto en réxime de alugueiro como en compravenda, os adxudicatarios benefícianse de descontos de ata o 50 por cento do valor da vivenda (ou da renda), en función dos ingresos familiares ponderados.

 

 

 

 

Lea también

72 persoas participan en Narón nos obradoiros do proxecto municipal aCLIMAtarnos

A Casa da Mocidade acolleu o primeiro dos obradoiros do proxecto “aCLIMAtarnos”, sobre concienciación ambiental …