A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, mantivo unha xunta co Presidente de Renfe, Julio Gómez, e o Director Xeral de Operacións para abordar diversas cuestións ferroviarias relativas a Ferrolterra: a liña de Feve Ferrol-Ribadeo, a liña ferroviaria Ferrol-A Coruña e o estado das alegacións presentadas ao proxecto de conexión ferroviaria co Porto Exterior.
Segundo informa o BNG, após da xunta, a deputada amosou a súa preocupación polo futuro da liña de Feve Ferrol-Ribadeo posto que o responsábel de Renfe sinalou que “están a realizar un estudo de viabilidade e que o prazo é até o 30 de xuño, para ver a porcentaxe de aproveitamento desta liña e as alternativas de transporte que serán por estrada. Incluso nos explicou que a semana pasada visitaran este traxecto de Feve”.
A deputada do BNG defendeu a necesidade de manter esta liña que “con melloras pode funcionar como unha liña de cercanías”. En canto á proposta do BNG de levar o tren ao polígono de Río do Pozo, o Presidente de Renfe aseguroulle que “está moi complicado”, co cal cabe deducir que non entra nos plans de Renfe a pesar de que “os polígonos industriais precisan de boas conexións e comunicacións para o transporte de mercadorías”.
É hora de respostar ás alegacións á conexión por tren co Porto Exterior
Un dos temas más tratados foi o estado das alegacións ao proxecto de conexión ferroviaria co Porto Exterior. Unha cuestión que o responsábel de Renfe derivou ao Adif. Rosana Pérez lembra que se publicou a licitación do proxecto constructivo sen ter en resolta a declaración de impacto ambiental, e criticou a opción do Ministerio, denominada alternativa sur que tivo moita contestación social e incluso do mesmo concello.
Anunciou a deputada do BNG que vai peder unha entrevista co Presidente de Adif para que aclare cando se vai dar resposta ás alegacións presentadas.
No que atixen á liña ferroviaria Ferrol-A Coruña, o Presidente de Renfe seguiu a posición mantida na súa comparecencia de antonte pola Secretaria Xeral de Transporte, deitando serias dúbidas sobre o mantemento desta liña. A deputada do BNG pediu a mellora desta liña que “ten uns tempos de viaxe imposíbeis para aumentar a demanda. Sen melloras é difícil que teña saída porque acabarán concluíndo que é ineficaz”.