O director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, explicou na Cámara galega no eido da Comisión 2ª, que a Xunta de Galicia está a tramitar o Plan de Conservación do Humidal Protexido Lago e Areal de Valdoviño.
A Consellería de Medio Ambiente elaborou co apoio da Universidade de Santiago, este documento para establecer directrices de xestión que minimicen os problemas actuais e permitan mellorar e potenciar o funcionamento da lagoa no seu réxime natural.
O Plan estase a revisar e iniciarase o procedemento de tramitación unha vez que se aprobe o Plan Director da Rede Natura 2000, que se encontra na actualidade en fase final de tramitación. O plan de conservación aprobarase mediante decreto da Xunta e darase conta previamente, mediante a axeitada participación pública da versión definitiva do documento.
Así mesmo, García Borregón subliñou que non existe ningún problema para facer público o Plan de Conservación do Humidal, que se tramita coa máxima transparencia e será sometido a participación e información pública seguindo a normativa vixente.
Situación da lagoa
Por outra banda, Ricardo García-Borregón aclarou que o baleirado da lagoa é un proceso recorrente e isto orixina de forma natural que nalgunhas épocas permaneza con cotas de augas baixas, sucedéndose outros períodos de inundación. Estas variacións configuran a ecoloxía do lugar e permiten a conservación das especies ou os hábitats, ademais de lograr a preservación dos procesos, algo vital para o seu mantemento
O responsable de Conservación da Natureza insistiu en que as medidas adoptadas pola Consellería de Medio Ambiente están dirixidas a garantir a conservación do humidal, así como salvagardar os dereitos de residencia dos cidadáns que teñen a súas vivendas nesta contorna. Subliñou que é importante para entender a situación do espazo coñecer a súa evolución a través do tempo.
Na súa comparecencia, aclarou que a lagoa amosa un réxime hidrolóxico puramente artificial debido ás actuacións que se realizaron dende fai máis de 40 anos, interferindo na recarga do humidal e abrindo unha canle de desaugue a través da barreira dunar. Este espazo foise degradando cada vez máis nas décadas dos 80 e 90. Nos seguintes anos sucédense unha serie de enchentes e baleirados sen control que orixinaron problemas de inundacións sobre o paseo marítimo e dos accesos a vivendas ademais de inundar as conducións de augas pluviais.
A solución aos problemas causados pola inundación ordinaria do humidal sobre o paseo ou predios contiguos débese de realizar en conformidade coa normativa e en concreto coas Directivas Comunitarias e sen provocar afección significativa sobre os distintos hábitats compoñentes da biodiversidade. Por iso, explicou. fíxose urxente formular estudos serios sobre a dinámica da lagoa e propoñer as actuacións de xestión máis eficientes. Estes estudos son a base documental para a elaboración do documento técnico do plan de xestión do espazo natural tales como:
- Avaliación inicial da problemática hidrolóxica elaborada pola empresa HITMA (especializada en dinámica hidrolóxica)
- Pautas de xestión con relación á comunidade de aves acuáticas (Dep Zooloxía da USC).
- Informe sobre escenarios e propostas de xestión elaborado por IBADER-USC.
Recuperación da canle
O documento técnico do Plan de conservación conclúe que, coa finalidade de recuperar o funcionamento natural da lagoa, considérase necesario proceder de forma periódica a recuperación do tramo final da canle de desaugue e, para isto, establécese un protocolo de actuación no que se define o control de cotas, os períodos apropiados e as directrices de execución necesarias.
A recuperación da canle levouse a cabo por parte de Medio Ambiente seguindo o exposto no documento técnico do Borrador do Plan de Conservación. Neste senso en todo o proceso de toma de decisións participaron técnicos, expertos externos nas áreas da botánica pertencentes á USC e o sector empresarial especializado. Hai amplos informes e documentación dos valores, da ecoloxía, da problemática, da xestión e da evolución deste enclave que avalan a xestión desenvolta, e sempre seguindo o cumprimento das normativas e Directivas Comunitarias tendo en conta que se trata dun humidal protexido por diferentes figuras de protección (LIC, ZEPA, Humidal RAMSAR)
As accións desenvoltas nos últimos meses tiveron como obxectivo reproducir as condicións de un baleirado natural e que demostraron que é factible controlar a cota de inundación co restablecemento da dinámica natural da lagoa e, en consecuencia, o mantemento en un estado de conservación favorable e sen supoñer unha afección sobre a barreira litoral.