O Concello de Ares, a través da área de Cultura, coa colaboración de Protección Civil, a Asociación Cultural O Tilo, a Banda de Gaitas Ría de Ares, o Grupo de Gaitas Aresán e o Casino Aresano, organiza un ano máis unha serie de actividades para festexar o Entroido, que se desenvolverán os días 10 (domingo) e 13 (mércores, declarado festividade local).
Domingo de Entroido
O domingo, primeiro día de festa, as comparsas concentraranse ás 17.30 fronte o centro de saúde, de donde sairá un desfile que percorrerá o parque Rosalía, a Porta do Sol, rúa dos Anxos, avenida de Mugardos, avenida Saavedra Meneses, praza da Igrexa, rúa Real, avenida de Mugardos de novo, Saavedra Meneses e, finalmente, o parque Rosalía.
Comparsas no Casino
Unha hora e media máis tarde do inicio do pasarrúas terá lugar a actuación das comparsas no Casino Aresano. En total, serán cinco agrupacións as participantes: Tróupele, tróupele (Narón); As Carapuchiñas (Ares); Río Belelle (Neda); Turistas Cervazienses (Cervás); e Os Argalleiros (Narón).
Mércores de cinza
Xa o mércores, as actividades iniciaranse ás cinco da tarde, cun desfile polas principais rúas da vila que sairá dende o parque Rosalía e terá como protagonistas ás carrozas e os entroidos, acompañados polas dúas bandas de gaitas. Ás 17.30 horas, todos os participantes concentraranse na praza da Constitución, amenizados con música de ambiente. A continuación, repartiranse orellas e chocolate quente a prezos populares de 1 euro, para, xa sobre as 19.30 horas, poñer o fin festa coa queima dos entroidos na praia da vila.
No caso de choiva, as actividades trasladaranse, como ven sendo habitual, ao patio cuberto do CPI Conde de Fenosa.