A Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, promovida pola Universidade da Coruña (UDC) e pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo, organizou este martes pola mañá un obradoiro de prevención de lesións lumbares mediante o uso de sensores, dirixido ao persoal de emerxencias. A actividade desenvolveuse nas instalacións do Parque de Bombeiros de Ferrol, co obxectivo de promover a prevención de riscos laborais e de mellorar a hixiene postural destes profesionais durante o desempeño das súas funcións.

A proposta centrouse na importancia de manter unha correcta hixiene postural durante o levantamento e a manipulación de cargas, tarefas habituais no traballos dos e das profesionais de emerxencias que poden incrementar o risco lesións musculares e da columna vertebral.
O programa combinou unha charla sobre hixiene postural, impartida polo investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, pertencente ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Florian Michaud, cunha demostración práctica na que as persoas participantes puideron comprobar, mediante o uso de sensores, como inflúe a posición das costas durante a realización de esforzos físicos.
AppGym, un dispositivo desenvolvido no Campus Industrial de Ferrol
Un dos principais protagonistas do obradoiro foi AppGym, un dispositivo portátil desenvolvido pola spin off Motion and Force Engineering Solutions (MFES), vinculada ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). Esta tecnoloxía permite monitorizar en tempo real a flexión lumbar e alertar de posturas inadecuadas durante o levantamento de cargas.
Durante a sesión, as persoas participantes tiveron a oportunidade de probar esta tecnoloxía que se coloca nas costas e incorpora un sistema de aviso sonoro que se activa cando se detecta unha postura potencialmente lesiva.
Ademais, a través dunha pantalla de ordenador, puideron visualizar o ángulo de flexión da columna vertebral e identificar os movementos que deben corrixir para reducir o risco de lesións. Cómpre sinalar que este dispositivo portátil, AppGym, desenvolvido desde o Campus Industrial de Ferrol en colaboración coa Clínica Arriaza, foi recoñecido co segundo premio da Xornada de Innovación en Industria da Maker Faire Galicia 2026.

Este obradoiro dá continuidade á xornada de sensibilización e demostración práctica sobre o uso de exoesqueletos pasivos para a prevención de lesións musculoesqueléticas entre os profesionais de emerxencias, que tivo lugar o pasado 2 de novembro no Laboratorio de Enxeñaría Mecánica, situado no Edificio de Talleres do campus ferrolán.
Ambas as dúas iniciativas comparten o obxectivo de achegar os avances tecnolóxicos desenvolvidos no ámbito universitario aos e ás profesionais de emerxencias da comarca, contribuíndo á prevención de lesións e á mellora das súas condicións de seguridade laboral.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.