A cita celebrarase por terceira edición consecutiva no pavillón municipal da Barqueira e abrirá a participación a todas as razas baixo o regulamento da Real Sociedade Canina de España.
O Concello de Cerdido ultima os preparativos para acoller, por terceira vez, o Concurso Nacional Canino, un evento organizado pola Sociedade Canina Galega que terá lugar o vindeiro domingo 13 de decembro de 2026 nas instalacións do pavillón Municipal da Barqueira.
A competición, autorizada pola Federación Cinolóxica Internacional (FCI) e a Real Sociedade Canina de España (RSCE), está aberta a todas as razas e contará ademais coa participación do veciño de Cerdido, Juan Gomariz, unha figura recoñecida a nivel estatal neste tipo de certames.
O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, celebrou o regreso desta competición ao municipio destacando a súa consolidación e o impulso que supón para a localidade.
«É unha enorme satisfacción que Cerdido acolla por terceira edición un evento de ámbito nacional coma este, o que demostra o éxito das anteriores convocatorias, consolida o noso concello no mapa das grandes citas cinolóxicas e volverá atraer a numerosos participantes e visitantes ao longo de toda a xornada», sinalou o rexedor, quen tamén agradeceu á Sociedade Canina Galega a súa reiterada aposta polas instalacións municipais da Barqueira.
Para poder tomar parte no concurso é imprescindible formalizar a inscrición completa e cumprir cos requisitos administrativos e veterinarios esixidos pola normativa vixente da RSCE, incluíndo o rexistro nos libros de orixes correspondentes.
No caso específico dos exemplares pertencentes a razas consideradas potencialmente perigosas en Galicia, os propietarios deberán remitir á organización antes do 27 de novembro toda a documentación requirida pola Xunta de Galicia —como a licenza, o seguro, o rexistro do microchip e o certificado sanitario anual— para tramitar os permisos en prazo.
O certame conta co patrocinio de Arion e a colaboración do Concello de Cerdido e do Xeoparque Cabo Ortegal. Dende o goberno local anímase a toda a veciñanza a achegarse ata A Barqueira para gozar desta xornada. As persoas interesadas en consultar as bases completas ou tramitar a súa inscrición poden facelo a través da web www.caninagalega.com ou no teléfono 986 377 305.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
