Gañadores e finalistas de O Talentiño compartirán escenario por unha causa solidaria

O festival reunirá música, danza e maxia o domingo 8 de novembro, ás 17:00 horas, no Centro Cívico de Canido, nunha cita presentada por Joaquín Enríquez e Rebeca Collado, coa recadación destinada á loita contra o cancro.

Foto de familia edición anterior/ Fot. O Talentiño

Gañadores e finalistas de distintas edicións de O Talentiño volverán subir ao escenario para unir talento e solidariedade. O Talentiño Solidario, un festival benéfico organizado coa colaboración da Asociación Veciñal de Canido, baixo o lema «O talento que nos une, a solidariedade que nos move», ofrecerá unha tarde de música, danza e maxia para recadar fondos destinados á loita contra o cancro e ao apoio ás persoas afectadas e ás súas familias.

A cita contará tamén coa presenza dos catro fundadores de O Talentiño: Lucía Pérez, Xabier Vizcaíno, Joaquín Enríquez e Eva Faraldo, que acompañarán os artistas nesta convocatoria solidaria no barrio onde naceu o certame. A presentación correrá a cargo de Joaquín Enríquez e Rebeca Collado, presentadores das galas de O Talentiño.

Un elenco que reúne o talento de distintas edicións

No apartado vocal participarán Sofía Hernández, gañadora da categoría de vocalistas de O Talentiño 2025, e Antía Barona, vencedora desta categoría en 2026. Xunto a elas actuarán Nuria Cornide e Sabela Castro, finalistas de vocalistas do certame.

A música instrumental chegará da man de Paula Seoane, gañadora da categoría de instrumentistas de O Talentiño 2025, que actuará ao piano, e de Xiana Ruiz, finalista desa mesma categoría e edición, que achegará ao festival o son da súa arpa.

O programa contará tamén con Julia Pérez, gañadora de O Talentiño en danza lírica en 2024, e con Meigo Simón, gañador da categoría de variedades do 2025, que sumará a súa maxia á xornada. A este elenco unirase Marcos Mella, o primeiro artista convidado da primeira edición de O Talentiño. A súa participación permitirá reencontrarse cun dos nomes que acompañaron o proxecto desde os seus inicios.

Membros do equipo de O Talentiño e xurado da edición 2025/ Fot. O Talentiño

Dúas causas complementarias na loita contra o cancro

A totalidade da recadación destinarase a dúas entidades que desenvolven un labor complementario no ámbito oncolóxico. Por unha banda, apoiarase unha asociación de referencia na loita contra o cancro, cunha ampla traxectoria na promoción da investigación, a prevención e o acompañamento ás persoas diagnosticadas e ás súas familias, e con presenza activa en Ferrolterra.

Por outra, colaborarase con ASARGA, unha asociación dedicada aos sarcomas, un grupo de cancros pouco frecuentes que poden afectar aos ósos e aos tecidos brandos. Esta achega busca contribuír ao apoio ás persoas afectadas e dar visibilidade á necesidade de investigación e recursos para estas enfermidades.

Entrada inversa, vendas solidarias e sorteos

O festival contará cun sistema de entrada inversa, mediante o cal as persoas asistentes poderán realizar unha achega económica voluntaria en función das súas posibilidades. Ademais das actuacións, durante a tarde teremos compras e sorteos solidarios para sumar fondos á iniciativa.

Co apoio da Asociación Veciñal de Canido e de numerosas entidades, empresas e xente anónima que están a colaborar nos sorteos, O Talentiño quere facer desta cita un punto de encontro aberto á cidadanía, no que a cultura sirva tamén para acompañar, sensibilizar e colaborar.

A organización anima a veciñanza de Ferrol e da comarca a participar nesta tarde solidaria e a compartir cos artistas unha xornada na que cada achega, por pequena que sexa, contribuirá á loita contra o cancro. 

 

Lea también

La II Gala Benéfica Parkinson Ferrol tendrá lugar el jueves 26 de noviembre

La cita contará con diversas actuaciones musicales, sorteos y sorpresas con el fin de apoyar …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Responsable: Galicia Artabra Comunicaciones, S.L. Finalidad: gestionar su comentario. Legitimación: su consentimiento. Derechos: acceso, rectificación, supresión y otros, según la política de privacidad.