A asemblea do BNG de Cabanas elixe por unanimidade a Iago Varela como candidato á Alcaldía

A formación nacionalista reivindica a súa experiencia, o seu equipo e un proxecto de futuro para Cabanas.

Concello de Cabanas. foto-archivo

A asemblea local do BNG de Cabanas decidiu por unanimidade que Iago Varela Martínez sexa o candidato da formación á Alcaldía de Cabanas nas próximas eleccións municipais de maio de 2027.

A decisión supón un novo paso na preparación dun proxecto co que o BNG aspira a liderar o Concello de Cabanas, desde unha perspectiva propositiva e centrada nas necesidades da veciñanza.

O candidato nacionalista salienta que o BNG afronta esta nova etapa desde unha posición singular. “Somos a alternativa ao actual goberno, pero tamén somos equipo de goberno. Sabemos o que significa gobernar Cabanas, temos experiencia, coñecemento do Concello e un equipo preparado para asumir responsabilidades desde o primeiro día”.

“Non queremos construír a nosa proposta unicamente sobre o que outros fan mal. Queremos falar de futuro, de como queremos que sexa Cabanas dentro de dez ou vinte anos e de como podemos aproveitar todo o potencial que ten o noso concello”, sinala Varela.

Neste sentido, o BNG aposta por construír un proxecto que poña no centro os servizos públicos, a vivenda, a mobilidade e o transporte, o desenvolvemento económico, o emprego, o medio ambiente, o turismo responsable, o coidado do territorio e a mellora da calidade de vida, incorporando tamén as novas necesidades que están a xurdir no municipio.

“Cabanas ten recursos, ten xente con ideas, ten capacidade e ten enormes oportunidades. O que precisamos é un goberno que saiba planificar, que teña rumbo e que sexa capaz de transformar esas oportunidades en melloras concretas para a veciñanza”, afirma o candidato.

Varela reivindica tamén o traballo desenvolvido polo BNG durante o mandato 2019-2023, no que formou parte do Goberno municipal e asumiu responsabilidades en áreas como promoción económica e turismo, urbanismo, medio ambiente, participación veciñal, comunicación e innovación tecnolóxica.

“Temos a experiencia de ter gobernado e de ter demostrado que se pode facer política municipal doutra maneira. E temos tamén a experiencia destes últimos anos na oposición, coñecendo de primeira man os problemas que segue tendo Cabanas e defendendo alternativas para resolvelos”, explica.

O BNG entende así que a candidatura de Iago Varela debe ser o punto de partida para construír un equipo amplo, preparado e aberto á sociedade, incorporando persoas con diferentes perfís e experiencias.

“Queremos sumar. Queremos contar con toda esa xente que pensa que Cabanas pode dar máis de si e que quere participar na construción dun Concello mellor. O noso obxectivo é formar un equipo de goberno á altura da Cabanas que queremos”, conclúe Varela.

Iago Varela | Fot. BNG

Sobre Iago Varela
Iago Varela (Cabanas, 1986) desenvolve a súa actividade profesional no eido da comunicación, a estratexia e a xestión de proxectos. Conta tamén con formación en mercadotecnia e publicidade, e lidera iniciativas que conectan a tecnoloxía, o turismo, a cultura e a sociedade.

Moi vinculado á divulgación tecnolóxica, é o director do portal especializado “Mallando no Android”, un espazo de referencia no ecosistema dixital galego. Esta vertente comunicativa compleméntase coa súa recente e exitosa incursión no sector audiovisual. Varela estreouse na dirección co documental histórico “Mulleres da Reconversión”, unha peza que está a cultivar unha gran acollida de público nas súas proxeccións e que demostra a súa capacidade para liderar proxectos narrativos de fondo calado social.

No eido institucional e político, conta cunha extensa traxectoria no servizo público e na administración local, destacando a súa etapa como tenente de alcalde de Cabanas (2019-2023). Esta experiencia dotouno dun profundo coñecemento da xestión municipal, o que lle permite sumar á súa visión estratéxica e executiva do sector privado unha firme vocación de traballo polos servizos públicos.

Lea también

ASCM promueve en Valdoviño una jornada de cultura inclusiva

El encuentro, se celebra este sábado 17 de octubre en la Casa de la Cultura, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *