BNG de Narón reclama un plan integral de humanización e investimentos para o barrio de Xuvia

O BNG de Narón fai un chamamento urxente para poñer en valor o barrio histórico de Xuvia mediante a marcha dun proxecto integral e ambicioso que responda ás necesidades reais das súas veciñas e veciños. A formación nacionalista sinala que é imprescindible crear espazos de convivencia, facilitar a vida cotiá e potenciar a capacidade comercial e de restauración da zona.

Entre as principais propostas e demandas do BNG para o barrio destacan:

Vivenda e rexeneración urbana: Cómpre un proceso de dinamización e recuperación das vivendas e edificios abandonados ou sen uso. Existe unha clara demanda de persoas que queren vivir en Xuvia e non poden facelo pola falta de oferta en venda ou alugueiro, mentres se acumulan inmobles desocupados.

Infraestruturas educativas do século XXI: Tras os continuos problemas no colexio Ponte de Xuvia por mor do estado da súa estrutura o BNG insta a liderar unha colaboración entre administracións para dotar o barrio dun centro educativo moderno con servizos coma comedor, pavillón, áreas de xogo e espazos para actividades extraescolares.

Espazo multiusos cuberto: Reclámase un pavillón ou recinto cuberto para a práctica deportiva, lecer e eventos, garantindo así un lugar de reunión para a mocidade e a infancia durante os días de mal tempo.

Zonas verdes e contorna do río Xuvia: O BNG aposta por un investimento planificado e continuado —evitando actuacións a base de «parches»— no parque e nas ribeiras do río Xuvia, co obxectivo de convertelos nun espazo de referencia para o lecer e o deporte no concello.

Mantemento e coidado do espazo público: Denúnciase o estado de deixadez e a falta de proxectos claros para os parques (como o de Irmáns Freire), prazas e zonas comúns limítrofes coa estrada de Castela, tales como a contorna do antigo Cuartel, o antigo Concello ou os aparcadoiros da zona da Praza da Escola e do Muíño.

Apoio ao tecido asociativo e deportivo: Exíxese cumprir coas promesas pendentes, dando un respaldo real ás entidades da parroquia, acelerando a entrega do novo local da AV Altea e executando melloras nas instalacións dos clubs deportivos.

Dinamización cultural e deportiva: Sendo a parte máis afastada do centro urbano, Xuvia precisa dunha programación propia e continuada de actividades culturais e deportivas no propio barrio.

Transporte público de calidade: O BNG defenderá a mellora e rehabilitación das liñas de autobús e do servizo ferroviario para vertebrar o barrio e garantir a súa conexión co resto do concello.

Protección do medio ambiente: A formación fixa tres eixes fundamentais para a calidade ambiental do barrio: o control das emisións de Megasa, o combate á contaminación do río Xuvia e a recuperación da Ría.

Desde o BNG de Narón reafírmase o compromiso de seguir traballando xunto á veciñanza para devolverlle a Xuvia a vitalidade e os servizos de calidade que merece.

Lea también

A Biblioteca de Narón abre o martes 10 o prazo de inscrición na actividade infantil “Coñecendo a… Carlo Collodi»

A Biblioteca municipal de Narón abrirá mañá martes o prazo de inscrición na actividade infantil …