As facultades de enfermaría e de ciencias da educación de Santiago convidan aos seus estudantes a participar na campaña de ADOS “un alento de vida”

A ADOS marcase o obxectivo de superar a barreira das 4.500 doazóns no eido universitario durante o presente curso académico 2026-27.

Foto SERGAS

A decana da Facultade de Enfermaría, Raquel Rodríguez González; a decana da Facultade de Ciencias da Educación, María del Mar Lorenzo Moledo; o responsable do área de Sangue, Compoñentes Sanguíneos e Hemoderivados da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Gerardo Hermida Fernández; e o responsable de Xestión de Colectas e Hemodoazón, José María Vázquez Estepa, presentaron esta mañá a iniciativa “Un alento de vida”, coa que se pretende aumentar a participación do colectivo universitario na campaña de doazón nas universidades galegas no presente curso académico.

Todos eles quixeron salientar a importancia vital que ten o solidario xesto da doazón de sangue no sostemento do noso sistema público de saúde e fixeron fincapé na necesidade de contar coa activa participación dos estudantes de Enfermaría e de Ciencias da Educación como futuros profesionais dos eidos sanitario e educativo.

Neste curso académico, a campaña desenvolverase baixo o lema “Un alento de vida”, que da continuación á iniciativa de captación de doazóns de sangue que tivo lugar nos meses de verán, e que tenta sensibilizar á cidadanía da importancia de doar sangue.

Campaña especial

As Facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación acollen este martes 29 de setembro a visita dunha unidade móbil da ADOS, estacionada na entrada principal das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas, así como dunha montaxe especial consistente na imaxe dunha gota de sangue xigante, na que poderán pegarse globos como metáfora da doazón de sangue como o aire que os doantes facilitan aos enfermos para ter unha segunda oportunidade de vida.

Ademais, a Axencia instalou na entrada da facultade de Enfermaría unha mesa informativa sobre outro xeito de doazón: a medula ósea. Os membros da comunidade universitaria poderán achegarse durante toda a mañá para resolver dúbidas sobre este modo de doazón e saber como facerse doadores.

Datos de participación

O obxectivo da Axencia para o presente curso académico pasa por achegarse ata as 4.500 doazóns de sangue nos sete campus das tres universidades galegas. Neste sentido, salientar que, no transcurso do pasado curso académico 2025-2026, as tres universidades galegas aportaron un total de 4.605 doazóns de sangue, das cales 1.633 doazóns (un 35% dos doantes) correspóndense con persoas que doaban por vez primeira.

A Universidade de maior número de doazóns foi a de Santiago de Compostela, con 1.891 doazóns de sangue, seguida da Universidade da Coruña con 1.427 e, por último, a Universidade de Vigo cun total de 1.287 achegas.

Agradecemento

A ADOS quere agradecer, especialmente, a inestimable colaboración brindada tanto polos decanatos das Facultades de Enfermaría e de Ciencias da Educación como pola Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento de iniciativas para impulsar a doazón de sangue, así como doutros xeitos de doazón  entre a comunidade estudantil, ao tempo que fai extensivo este recoñecementos a todos os estudantes galegos que doan sangue.

Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Lea también

El II Congreso Internacional de Medicina Clínica (CIMEC) visibiliza el valor de una formación médica integral

Más de 700 personas participaron este pasado fin de semana en la Cidade da Cultura …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *