A Deputación da Coruña concede 48 bolsas de 10.000€ para impulsar a formación de investigadores e artistas da provincia

A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as resolucións definitivas das bolsas de investigación e das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos correspondentes ao ano 2026. En total, a institución provincial concede 48 bolsas de 10.000 euros cada unha, cun investimento conxunto de 480.000 euros.

Fuente Deputación de A Coruña

As axudas teñen como obxectivo facilitar que persoas da provincia poidan desenvolver proxectos de investigación ou completar e perfeccionar a súa formación artística, tanto en Galicia como noutros centros especializados de fóra da comunidade ou no estranxeiro.

A convocatoria de bolsas de investigación conta con 20 persoas beneficiarias e unha dotación global de 200.000 euros. As axudas distribúense entre cinco áreas de coñecemento: artes e humanidades, con 5 bolsas; ciencias, con 4; ciencias da saúde, con 4; ciencias sociais, xurídicas e estudos de xénero, con 5; e enxeñaría e arquitectura, con 2.

Os proxectos seleccionados abranguen ámbitos moi diversos, desde o desenvolvemento de terapias CAR-T contra o cancro de pulmón ata a resistencia aos antibióticos no solo, a xestión forestal sostible ou a integración de infraestrutura verde nos polígonos industriais da Coruña.

Tamén se financian investigacións sobre historia, literatura e realidade social e económica de Galicia, como estudos sobre a Biblia de Santo Domingo de Bonaval, o Galician noir, a participación comunitaria e o asociacionismo sociocultural ou a vulnerabilidade estrutural de Galicia fronte a shocks xeopolíticos.

Pola súa banda, as bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos benefician a 28 persoas e contan cun orzamento de 280.000 euros. As axudas abranguen ilustración, artes plásticas e visuais, audiovisual, danza e artes do movemento, teatro e interpretación escénica e música.

As bolsas permitirán continuar estudos e especializacións en disciplinas moi diversas, desde a interpretación musical, con formación en violín, violonchelo, viola, clarinete, fagot, acordeón, trombón ou composición, ata a danza contemporánea, a formación actoral, a produción artística, a fotografía publicitaria, o deseño de interfaces ou o Concept Art. Os bolseiros e bolseiras formaranse en centros especializados de Madrid, Valladolid, Viena ou Basilea, entre outros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que estas bolsas permiten “apostar polo talento da provincia da Coruña e apoialo para que poida medrar” e subliñou que este programa facilita que mozos e mozas poidan formarse nos mellores centros a nivel nacional e internacional e desenvolver os seus proxectos de investigación cun apoio económico axeitado.

A Deputación consolidou nos últimos anos este programa incrementando tanto o número de bolsas como a súa contía. Durante a presidencia de Formoso, a convocatoria pasou de 40 a 48 axudas, mentres que o importe das bolsas aumentou de 8.000 a 10.000 euros, co obxectivo de adaptarse ao incremento dos custos asociados á formación, á investigación e á creación artística.

Lea también

Neda acolle “Ao son da nova regueifa” dentro do ciclo de cinema documental

O Concello de Neda proxecta este venres, no marco do seu ciclo de cinema documental, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *