Valdoviño volveu converterse en centro de formación do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade.

Dez mulleres completaban a semana pasada o itinerario formativo de Agricultura Ecolóxica incluído nesta última edición do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade.
Dende finais do mes de agosto, o Concello de Valdoviño convertíase de novo en sede formativa para o proxecto, que se desenvolvía no local social de Sequeiro, perfecto para impartir a formación teórica na aula e a práctica na ampla zona verde exterior.
O obxectivo da iniciativa era mellorar a capacitación das mulleres participantes nun sector en auxe, facilitando así a súa inserción laboral.

A iniciativa contou con varias especialidades como agricultura ecolóxica, fertilización en agricultura ecolóxica, defensa contra pragas e enfermidades en agricultura ecolóxica, explotacións agrarias na agricultura ecolóxica e semente de pebideiros, e as alumnas participaron tamén en diferentes saídas a explotacións agrarias da contorna como a local Horta San André, con Gonzalo Rodríguez ao fronte na mesma parroquia de Sequeiro, ou ao centro A Fusquenlla.
O Programa Integrado de Emprego conta co financiamento da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Empleo Estatal.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.