Case 430.000€ se destinan en Ferrol ás reformas dos locais sociais de A Cabana, Valón, Pazos e Santa Icía

As obras, que sairán a licitación nos próximos días, permitirán actuar sobre deficiencias acumuladas tras anos sen o mantemento necesario.`O obxectivo non é só reparar o que está deteriorado, senón deixar estes equipamentos en mellores condicións para os próximos anos´, manifestou o alcalde.

O Goberno local continúa avanzando no compromiso coa mellora dos espazos de uso veciñal. Así está previsto o investimento de preto de 430.000 euros na reforma, acondicionamento e mellora dos locais sociais das asociacións veciñais de A Cabana, Valón, Pazos e Santa Icía, actuacións incluídas no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal POS+2026.

As obras, que sairán a licitación nos próximos días, permitirán actuar sobre diferentes deficiencias que presentan actualmente estes equipamentos, derivadas fundamentalmente da falta de mantemento durante anos.

LOCAL AVV A CABANA

Local AVV A Cabana

O local social da Asociación de Veciños de San Antonio de A Cabana contará cun investimento de 163.417,94 euros para unha intervención integral que permitirá corrixir as deficiencias acumuladas neste inmoble municipal.

Os traballos permitirán reparar as goteiras e os falsos teitos danados pola entrada de auga, tratar as humidades e as gretas e renovar a pintura interior e exterior. Ademais, está prevista a renovación de elementos e carpintería metálica, o pulido do chan do salón principal, a modernización dos baños e a substitución da iluminación interior por tecnoloxía LED

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, sinalou que “estas actuacións son un exemplo do que significa escoitar aos veciños e transformar as súas demandas en feitos”.

Durante anos acumuláronse necesidades en determinados locais veciñais que precisaban dunha actuación decidida. “Agora estamos a poñer os recursos necesarios para recuperar estes espazos, mellorar as súas condicións e garantir que as asociacións conten con locais dignos, seguros e adecuados para desenvolver a súa actividade”, afirmou.

LOCAL AVV O CRUCEIRO DE VALÓN

Local AVV Cruceiro de Valón

No local da AVV O Cruceiro de Valón acometerase unha actuación cun orzamento de 134.207,66 euros e un prazo de execución previsto de catro meses.

A intervención permitirá impermeabilizar a cuberta e mellorar os seus remates e pendentes, reparar os falsos teitos afectados, tratar as gretas e humidades e renovar a pintura dos paramentos interiores e das fachadas exteriores.

O proxecto contempla, entre outras actuacións, a substitución dos canalóns e baixantes que se atopan en mal estado e a mellora da iluminación mediante a instalación de lámpadas LED.

Así mesmo, renovaranse dúas pechaduras e parte da carpintería metálica das fiestras, ademais de acometerse actuacións de renovación da caldeira e dos radiadores.

LOCAL AVV PAZOS

Local AVV Pazos

O Concello destinará 82.105,74 euros á mellora do local social da AVV Pazos, cun prazo de execución de catro meses.

Entre as deficiencias detectadas atópanse goteiras no interior do edificio, humidades na aula destinada ás clases de pintura e manualidades e na cociña, así como a necesidade de acondicionar parte da planta semisoto, actualmente sen uso.

As obras incluirán a reparación da cuberta e dos falsos teitos para eliminar as goteiras, o acondicionamento de parte da planta semisoto e a reparación das humidades existentes. Tamén se mellorará a ventilación do espazo destinado ás actividades de pintura e manualidades.

No exterior, está prevista a construción dun recrecido nunha franxa de terreo, o pintado da zona de escaleiras e a substitución de luminarias da zona dos baños que se atopan danadas. Ademais, instalarase un sistema de motorización para a persiana metálica da entrada principal.

LOCAL AVV SANTA ICÍA

Local AVV Santa Icía

Por último, no local da AVV O Cruceiro de Santa Icía o investimento é de 48.857,92 euros. Os traballos, cun prazo de execución previsto de tres meses, contemplan a limpeza e revisión da cuberta, a reparación das zonas deterioradas, a substitución de canalóns e baixantes, a renovación de placas do falso teito e diferentes actuacións de pintura e mellora dos espazos interiores.

As actuacións nestes catro locais veciñais súmanse ao traballo que o Concello de Ferrol está a desenvolver para recuperar e mellorar os equipamentos municipais e veciñais, priorizando aquelas intervencións detectadas directamente nos barrios a través do contacto permanente coas entidades.

“O obxectivo non é só reparar o que está deteriorado, senón deixar estes equipamentos en mellores condicións para os próximos anos e facilitar que sigan sendo puntos de encontro e participación da veciñanza”, manifestou ao alcalde, ao tempo que destacou o labor fundamental de dinamización e socialización que realizan as asociacións de veciños.

Lea también

Ferrol destina 50.000€ a la promoción y fomento de la Cultura

Las entidades culturales sin ánimo de lucro podrán optar a estas subvenciones para desarrollar sus …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *