San Sadurniño mantén abertas as axudas a catro convocatorias

O Concello de San Sadurniño mantén abertas as convocatorias de axudas municipais para colaborar coas familias nos gastos de escolarización e estudos dos súas fillos, ademais das dirixidas a financiar as actividades promovidas por entidades deportivas e culturais, xunto coa subvención para persoas propietarias de terreos que queiran recuperar a plantación de froiteiras tradicionais.

En total, estas catro liñas suman 61.000 euros de fondos municipais, que poden solicitarse, dependendo da convocatoria, ata finais deste mes e primeiros de outubro. Por orde de proximidade do remate dos prazos son as seguintes:

O de remate inminente é o prazo de solicitude das axudas para o ámbito deportivo, xa que os clubes e colectivos do municipio teñen até este luns 28 de setembro para solicitar as subvencións destinadas a apoiar a súa actividade durante 2026. A convocatoria conta con 14.000 euros e contempla a cobertura de gastos como fichas e inscricións federativas, desprazamentos, arbitraxes, transporte ou material deportivo.

A distribución dos fondos terá en conta diferentes criterios, entre eles o número de licenzas, a participación en competicións de deportes olímpicos, o número de equipos ou a titularidade das instalacións. As licenzas femininas puntuarán o dobre na valoración.

O 28 de setembro tamén remata o prazo para presentar as solicitudes das subvencións para a plantación de froiteiras tradicionais, cunha dotación de 10.000 euros.

A axuda será de até 10 euros por planta, cun máximo de 2.000 euros por solicitude, que poden dedicarse a variedades tradicionais de maceiras, ameixeiras e pereiras. Ademais de recuperar este patrimonio vexetal, a iniciativa busca favorecer a posta en uso de terreos abandonados ou incluídos nas faixas secundarias de xestión da biomasa.

As seguintes en proximidade do vencemento do prazo son as axudas ao estudo, dotadas con 25.000 euros, abranguen desde o segundo ciclo de Educación Infantil até os estudos universitarios e ciclos formativos, con contías máximas que van dos 100 aos 800 euros segundo a modalidade.

Para Primaria e ESO cómpre ser beneficiario ou beneficiaria das axudas da Xunta para material escolar, mentres que nas bolsas de Bacharelato, FP e universidade téñense en conta, entre outros factores, a renda familiar e o expediente académico. As achegas poden solicitarse até o mércores 30 de setembro.

As asociacións e entidades sen ánimo de lucro son as que aínda teñen máis dunha semana de marxe, xa que poden presentar até o 2 de outubro as solicitudes para as axudas destinadas a actividades culturais, que dispoñen dun orzamento de 12.000 euros.

Deles, 11.000 euros corresponden á liña para financiar actividades e 1.000 euros á destinada a gastos de mantemento, infraestrutura e equipamento dos locais alugados ou en propiedade.

A primeira modalidade permite apoiar, entre outras propostas, celebracións, exposicións, publicacións, certames, actuacións musicais, encontros ou iniciativas relacionadas coa divulgación do patrimonio e da cultura galega. A contía máxima é de 4.000 euros por entidade para actividades e de 1.000 euros para a segunda liña.

As solicitudes das distintas convocatorias deberán presentarse empregando os modelos oficiais e a documentación indicada nas respectivas bases. 

A tramitación pode facerse a través da Sede Electrónica do Concello -obrigatorio para clubes e asociacións-, do Rexistro Xeral municipal ou dos restantes medios previstos pola normativa administrativa. As bases e prazos concretos de cada unha delas poden consultarse nos seguintes enlaces:

Axudas para clubes e entidades deportivas
Axudas para a plantación de froiteiras
Axudas para os gastos por estudos
Axudas para asociacións veciñais e culturais

Lea también

Regueifas e contacontos para celebrar a vindeira semana en Neda o Día do orgullo neofalante

O Concello de Neda sumarase, un ano máis, á conmemoración do Día do orgullo neofalante, …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *