O Concello de Ferrol continúa avanzando na mellora da rúa Exército Español, no barrio de Caranza, coa aprobación pola Xunta de Goberno Local XGL do expediente para a contratación das obras de aglomerado. O orzamento de licitación ascende a 89.921,40 euros, e o prazo previsto é de dous meses.
Esta nova fase dá continuidade á aprobación do proxecto, anunciada nos últimos días, recordou o rexedor, José Manuel Rey Varela, e permite avanzar cara á contratación dunha actuación que ten como obxectivo “renovar o pavimento e mellorar as condicións de seguridade, accesibilidade e mobilidade nesta vía”.
Os traballos afectarán a aproximadamente 338 metros de rúa, cunha superficie total de 3.222,30 metros cadrados. A actuación principal consistirá no fresado eposterior reasfaltado de 2.310 metros cadrados de calzada.
O proxecto contempla tamén a reparación de 100 metros cadrados de pavimento de adoquín nas zonas de estacionamento, así como diferentes actuacións destinadas a mellorar a evacuación das augas pluviais.
No ámbito da seguridade viaria, pintaranse 310 metros de novas liñas de sinalización, 60 metros cadrados de cebreados e pasos de peóns, a renovación dos símbolos viarios e a instalación dun sinal luminoso para paso escolar, equipado con tecnoloxía LED.
A intervención manterá as 75 prazas de aparcamento, catro delas para persoas con mobilidade reducida.
Rey Varela afirmou que “con esta intervención, Ferrol contará cunha rúa máis segura, accesible e cómoda, cun pavimento renovado, unha mellor drenaxe, maior visibilidade para condutores e peóns e unhas zonas de estacionamento en mellores condicións”.
Neste momento, está en fase de redacción o proxecto de mellora da rúa Lepanto con Padre Feijóo. Rey Varela adelantou, ademais, que está en fase de requirimento de documentación para a súa adxudicación a reforma de catro locais comerciais no mercado de Caranza por un importe de 96.750 euros.
LAVADOIRO DE ESMELLE

O Goberno local deu luz verde ao plan de seguridade e saúde de rehabilitación do lavadoiro de Esmelle. Trátase dunha actuación destinada á conservación e posta en valor deste elemento tradicional do patrimonio etnográfico da parroquia. Conta cun investimento de 52.998 euros e o prazo de execución é de tres meses.
O Goberno local xa recuperou catro lavadoiros na zona rural: dous en Covas, un en San Xurxo e outro en Serantes.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
