San Valentín prepárase para vivir desde este venres unha nova edición do Fene Rock

A programación principal arrancará este venres con Window Pane (21.45 h), Aphinnic (23.05 h), Hamlet (00.30 h) e Abaixo Cu Sistema (02.20 h). A noite rematará coa actuación de DJ R4tibrón.

Fene Rock

A alcaldesa Sandra Permuy e o concelleiro de servizos, Adán Chao, revisaron coa organización a montaxe dun dos festivais de referencia do calendario cultural municipal.

O barrio de San Valentín prepárase para vivir desde esta noite unha nova edición do Fene Rock, unha das citas musicais máis consolidadas do municipio. A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o concelleiro de servizos, Adán Chao, achegáronse nas últimas horas ao recinto para avaliar xunto coa organización o desenvolvemento da montaxe e ultimar a coordinación dos medios municipais necesarios para a celebración do festival.

O Concello de Fene mantén un ano máis unha estreita colaboración coa organización, tanto a través dunha subvención nominativa de 11.000 euros como do apoio loxístico necesario para facer posible un evento destas características. A implicación municipal inclúe a colaboración do persoal da área de servizos, medios materiais e tarefas de limpeza e acondicionamento do recinto antes, durante e despois da celebración.

A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou “o enorme traballo que hai detrás dun festival que leva o nome de Fene e que ano tras ano consegue atraer público de dentro e de fóra da comarca”. Neste sentido, agradeceu especialmente “o compromiso da organización e de todas as persoas que fan posible manter viva unha cita plenamente consolidada no noso calendario”.

Permuy incidiu tamén na importancia da colaboración entre o tecido asociativo e a administración local. “Desde o Concello queremos estar ao lado das entidades que son capaces de xerar propostas culturais de calidade, dinamizar Fene e atraer centos de persoas ao nosos concello. O Fene Rock é un magnífico exemplo do que se pode conseguir coa iniciativa social e co respaldo das institucións”, sinalou.

Música durante toda a fin de semana

A programación principal arrancará este venres con Window Pane (21.45 h), seguida de Aphinnic (23.05 h), Hamlet (00.30 h) e Abaixo Cu Sistema (02.20 h). A noite rematará coa actuación de DJ R4tibrón.

O sábado subirán ao escenario Nuada (21.30 h), El Drogas (23.00 h), CGPP (00.50 h) e Golfa (02.20 h), antes dun novo peche a cargo de DJ R4tibrón.

A actividade, porén, irá moito máis alá dos concertos nocturnos. O sábado celebrarase unha sesión vermú de acceso gratuíto, que comezará ás 12.30 horas coa actuación de Tona, o novo proxecto musical de Miguel Cernadas (Terbutalina). Este concerto está promovido polo Concello de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña. A continuación, ás 14.00 horas, actuará MU2.

Xa pola tarde, a música sairá do recinto cun roteiro por Fene da charanga Galiza Sound Machine, contribuíndo a estender o ambiente do festival polas rúas e establecementos da vila antes de retomar a programación nocturna.

O Fene Rock continuará o domingo 20

A programación prolongarase tamén durante a mañá do domingo, cunha nova sesión vermú aberta ao público a partir das 12.30 horas, na que actuarán Los Tigres del Cañotas e Combos Rockschool. A xornada completarase cun xantar popular, poñendo o broche a tres días de música e convivencia arredor do Fene Rock.

Desde o Concello animan á veciñanza e ás persoas afeccionadas á música a participar nunha nova edición dun festival que contribúe á dinamización cultural e social de Fene e que conta cunha importante capacidade para atraer visitantes ao municipio durante toda a fin de semana.

As entradas para os concertos do festival están dispoñibles na web oficial do Fene Rock, fenerock.gal.

Lea también

La Sala Curuxeiras del puerto de Ferrol acoge la exposición “Sensaciones” de Chechela García

La Sala Curuxeiras del puerto de Ferrol acoge una nueva exposición de pintura. Se trata …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *