Antón García Tenreiro, elixido por unanimidade candidato de Movemento Sumar Galicia á Alcaldía de Ferrol

O enfermeiro ferrolán, de 23 anos e secretario de Mocidade da organización, será “o referente de Movemento Sumar Galicia na gran fronte de esquerda que é Ferrol en Común, á que apoiamos”.

Anton García Tenreiro | Fot. Sumar Galicia

A Asemblea Comarcal de Movemento Sumar Galicia Ferrolterra elixiu por unanimidade a Antón García Tenreiro como candidato da organización á Alcaldía de Ferrol de cara ás eleccións municipais de 2027.

Antón García Tenreiro, de 23 anos, será “o referente de Movemento Sumar Galicia na gran fronte de esquerda que é Ferrol en Común, á que apoiamos”. A organización reafirma deste xeito a súa vontade de fortalecer un espazo unitario, amplo e plural, capaz de construír unha alternativa progresista para a cidade e de recuperar o goberno municipal.

Nado e criado en Ferrol, García Tenreiro é enfermeiro e desenvolve a súa actividade profesional no ámbito asistencial, cunha especial dedicación á investigación sobre a saúde das mulleres. Forma parte de Movemento Sumar Galicia desde a súa creación, integra a Coordinadora e a Executiva Nacional e exerce como secretario de Mocidade. “Entendo a política como unha forma de coidar, de defender o que é de todas e todos e de garantir que ninguén quede atrás. Ferrol non é simplemente o lugar onde nacín, senón a cidade na que medrei, que aprendín a coñecer e querer e coa que sempre me sentín profundamente ligado”, sinalou o candidato.

García Tenreiro explicou que dá este paso para contribuír á recuperación da forza, da organización e da ilusión necesarias para transformar Ferrol. “Vivimos tempos convulsos nos que non podemos permitirnos a resignación. Ferrol necesita unha política próxima e valente, con capacidade para imaxinar o futuro, pero tamén coa vontade e as ferramentas necesarias para facelo realidade”, afirmou. “Quero un Ferrol con emprego e quero un Ferrol orgullosa da súa clase traballadora”.

Entre as súas prioridades sitúa a creación de oportunidades para que a mocidade poida permanecer na cidade, a defensa dos servizos públicos, o fortalecemento das políticas de coidados, o acceso a unha vivenda digna e a recuperación económica, social e demográfica de Ferrol. “Quero contribuír a construír un Ferrol no que a xente poida vivir, traballar e desenvolver o seu proxecto de vida con dignidade. Unha cidade que non obrigue a súa mocidade a marchar para atopar un futuro e que recupere o orgullo dunha sociedade que sempre soubo organizarse, defender os seus dereitos e loitar”, destacou.

Antón García Tenreiro | Fot. Sumar Galicia

O candidato defínese como feminista, defensor das liberdades, dos dereitos humanos e dos dereitos LGTBIQA+, e comprometido coa clase traballadora e coas loitas sociais que perseguen unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Movemento Sumar Galicia destaca que a elección unánime de García Tenreiro representa unha aposta pola renovación xeracional, o compromiso coa cidade e a unidade da esquerda. A organización traballará dentro de Ferrol en Común para construír colectivamente un proxecto político sólido, aberto á sociedade ferrolá e preparado para ofrecer unha alternativa ao actual goberno municipal.

Lea también

Rueda celebra la «primera autorización» para que SAIC llegue «a buen puerto» en Ferrol

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, ha celebrado como «una buena noticia» que el …