A iniciativa terá unha duración de 12 meses e permitirá a dez persoas mozas formarse e adquirir experiencia profesional no ámbito da promoción turística local.
O Concello de Ferrol inicia o proceso de selección do alumnado traballador para o programa de formación emprego Talento Mozo “Ferrol, destino turístico”, unha iniciativa destinada á formación e inserción laboral de persoas mozas no ámbito da promoción turística local.
O programa, que comezará proximamente, terá unha duración de 12 meses e cun contrato laboral (salario mínimo interprofesional) para os 10 alumnos/as- traballadores/as, que recibirán formación na especialidade HOTI0108 Promoción turística local e información ao visitante, e percibirán durante a formación o salario mínimo interprofesional
A iniciativa está cofinanciada pola Unión Europea e a Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro da Orde do 9 de marzo de 2026, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de programas de formación e emprego Talento Mozo para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e pola que se procede á súa convocatoria para os anos 2026 e 2027.
Formación ao servicio do turismo de Ferrol
Unha das principais liñas de traballo deste programa será a prestación de servizos de apoio á atención turística, co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas visitantes mediante unha atención profesional, multilingüe e adaptada ás súas necesidades.
Entre as actuacións previstas estarán a xestión eficiente do fluxo de peregrinos do Camiño Inglés, a promoción do patrimonio cultural, histórico e natural do municipio e o apoio á correcta organización, loxística e imaxe das instalacións turísticas.
O programa contempla tamén a creación, promoción e xestión de produtos turísticos de Ferrol, coa finalidade de converter o potencial do municipio nunha oferta turística comercializable, sostible e atractiva. O alumnado participará no deseño e difusión de novos produtos turísticos locais, adaptados aos diferentes perfís de visitantes, tanto locais como nacionais e internacionais.
Finalmente, outra das actuacións será a elaboración dunha proposta de planificación anual do servizo de turismo do Concello de Ferrol. A partir da experiencia adquirida durante o programa, o alumnado-traballador deseñará unha folla de ruta estratéxica orientada a contribuír ao posicionamento de Ferrol como un destino turístico competitivo, sostible e atractivo, optimizando os recursos locais e favorecendo a xeración de riqueza e emprego, así como a desestacionalización da actividade turística.
Requisitos e proceso de inscrición
As persoas interesadas en participar deberán cumprir os requisitos establecidos na convocatoria. Así, deberán atoparse en situación de desemprego e figurar inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia; ter cumpridos os 18 anos e non superar a idade máxima establecida pola normativa vixente no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no momento da selección, actualmente fixada nos 30 anos; e figurar inscritas e en situación de beneficiarias no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Ademais, deberán contar cunha titulación ou formación que permita o acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 3, como bacharelato, ciclo formativo de grao medio, competencias clave de nivel 3 ou titulacións equivalentes.
Os interesados deberán dirixirse á Oficina de Emprego de Ferrol Centro do Servizo Público de Emprego de Galicia, situada no edificio da Xunta de Galicia de Ferrol, para formalizar a súa inscrición.
Con esta iniciativa, o Concello de Ferrol aposta por combinar formación especializada e experiencia profesional, facilitando ás persoas mozas participantes novas oportunidades de acceso ao mercado laboral e, ao mesmo tempo, reforzando a atención, promoción e planificación turística do municipio.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
