Ferrol avanza nos aglomerados dos camiños da zona rural

As actuacións levaranse a cabo nos camiños da Regueira e Seara-Coimil, en Pazos e nos camiños de Carregal, Pragaíño e Pardiñas en San Xurxo.

O Concello de Ferrol continúa avanzando aglomerados na zona rural. Aprobouse a adxudicación do aglomerado dos camiños da Regueira e Seara-Coimil, na parroquia de Pazos, actuación incluída no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal. Plan Único de Concellos POS+2025 (Achega provincial 2025).  A empresa Excavaciones y Obras Candal SL será a encargada da execución destes traballos por un importe de 108.526,36 euros, e contará cun prazo de execución de tres meses.

O Camiño da Regueira ten unha lonxitude total de 725 metros, mentres que o tramo de Seara-Coimil conta con 175 metros. En ambos casos é necesario intervir cun novo aglomerado asfáltico, dado o avanzado estado de deterioro do firme como consecuencia da falta de mantemento.

Os traballos contemplan a limpeza das marxes e o varrido das plataformas dos viais, así como a extensión dunha nova capa de mestura asfáltica en quente de seis centímetros de espesor. No Camiño da Regueira realizarase, ademais, unha nivelación previa do 15% da superficie.

A actuación completarase co pintado das liñas de bordo, a instalación dos correspondentes sinais de Stop nas interseccións e o levantamento dos rexistros existentes para adaptalos á nova rasante.

CAMIÑO CARREGAL, PRAGAÍÑO E PARDIÑAS

Aprobouse tamén a adxudicación do Aglomerado de tramo do Camiño de Carregal, Camiño do Pragaiño e Camiño de Pardiñas en San Xurxo á empresa Francisco Gómez y Cía por 44.600,60 euros.

A actuación responde á necesidade de rehabilitar os accesos existentes, garantir a transitabilidade en condicións adecuadas e mellorar a funcionalidade da rede viaria local. O prazo de execución será de dous meses.

Os tres viais presentan actualmente un estado de conservación deficiente, con distintos tramos deteriorados e perdas de firme que dificultan a circulación e poden comprometer a seguridade viaria. Ademais, a presenza de vexetación nas cunetas e nas marxes dos camiños dificulta a correcta drenaxe das augas.

Por este motivo, acometerase unha intervención integral que permitirá recuperar o firme, mellorar as condicións de circulación e restituír a funcionalidade destes accesos

MÁIS ACTUACIÓNS NA ZONA RURAL

Estas intervencións súmanse aos traballos de aglomerado executados nas últimas semanas en diferentes parroquias do rural ferrolán. En concreto, xa se actuou nos camiños C4, en Covas; A Rega e Confurco, en Doniños; Vilabuíde, en Valón; un tramo de Rabascos e Boucela, en Mandiá; e A Camposa, O Carril e As Cruces, en Brión.

Ademais, está previsto que nas próximas semanas se inicien os traballos correspondentes á prolongación do carril bici na estrada de Doniños e San Xurxo, así como o aglomerado do camiño de Carreira Chá, en Esmelle.

Lea también

El martes 15 abre el plazo para solicitar en Ferrol las ayudas para las fiestas patronales de barrios y parroquias

El Ayuntamiento destina 24.000 euros a apoyar la organización de este tipo de festejos. El …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *