A proba, presentada este lúns no Concello polo edil de Deportes e o Círculo Xadrez Narón, reunirá as categorías sub-8 a sub-14 no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro.

O Concello de Narón presentou este lúns, xunto co Círculo Xadrez Narón, a VI edición do Torneo Promoción de Xadrez, que se disputa este sábado 19 de setembro no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro. O acto de presentación contou coa participación do edil de Deportes, Ibán Santalla, xunto co presidente do club, Juan Manuel Caneiro, e a socia e participante no torneo María Ángeles Parapar.
«Narón é xa un referente no xadrez de base grazas ao traballo constante do Círculo Xadrez Narón, e desde o Concello seguiremos apoiando este tipo de citas que achegan este deporte aos nosos nenos e nenas dende idades temperás”, afirmou Santalla na presentación.
A proba, válida para o XIX Circuíto Galego de Promoción, está dirixida a nenas e nenos das categorías sub-8 «Promesas», sub-10 «Benxamíns», sub-12 «Alevíns» e sub-14 «Infantís«. A competición disputarase baixo o sistema suízo, a sete roldas de 15 minutos máis 3 segundos de incremento por xogada, coa presentación e confirmación de listaxes ás 10:30 horas e sete roldas entre as 11:00 e as 19:00 horas, con entrega de premios e clausura ás 20:00 horas.
Para participar no torneo é obrigatorio estar federado na tempada actual. O Círculo Xadrez Narón ofrécese a xestionar directamente a alta federativa de quen aínda non o estea. As inscricións, con prazas limitadas por orde de recepción, permanecerán abertas ata o xoves 17 de setembro a través do formulario dispoñible no código QR do cartel e en https://l1nk.dev/torneoxadreznaron, nas redes sociais do Círculo Xadrez Narón.
Está previsto o reparto de trofeos para os catro primeiros clasificados de cada categoría, trofeos para os catro primeiros clasificados locais, medallas para todas as persoas participantes e un sorteo de agasallos entre os asistentes ao remate da xornada. A organización lembra que, para recoller os premios, é necesario estar presente na cerimonia de clausura.
O VI Torneo Promoción de Xadrez de Narón conta coa colaboración da Federación Galega de Xadrez (Fegaxa), Calzados Mara e a Deputación da Coruña.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.