Nacho, estudante de FP, compartiu unha xornada de traballo con Óscar en Mugardos, a bordo do ‘Hijos de Demetrio’

Nacho, estudante do Ciclo Superior de Transporte Marítimo e Pesca de Altura, compartiu unha xornada de traballo con Óscar a bordo do Hijos de Demetrio no marco do proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”.
 
Salida de Nacho dende porto de Mugardos no’Hijos de Demetrio’ | Fot. Galp Golfo Ártabro Norte
 
Nacho, veciño de Pontedeume e estudante do Ciclo Superior de Transporte Marítimo e Pesca de Altura, participou este pasado xoves  nun novo embarque do proxecto de cooperación “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, no territorio do GALP Golfo Ártabro Norte.
 
A primeira hora da mañá embarcou desde o porto de Mugardos a bordo do ‘Hijos de Demetrio’, unha embarcación de artes menores patroneada por Óscar, con quen compartiu unha xornada real de traballo no mar, nesta ocasión vinculada á ameixa.
 
A experiencia permitiulle coñecer de primeira man como é unha saída ao mar e como se desenvolve o traballo a bordo, comprobando tamén o esforzo, a responsabilidade e as esixencias dunha actividade que dificilmente se poden transmitir só desde unha aula.
 
Para Nacho, que este curso comeza o seu segundo ano de formación, o contacto directo con profesionais como Óscar é especialmente importante para coñecer a realidade do sector. Tras o embarque, recomenda a outros mozos e mozas interesados nas profesións do mar que proben unha experiencia deste tipo, aínda que sexa unha soa vez, para ver como se traballa realmente e coñecer desde dentro un oficio ao que poden orientar o seu futuro.
 
Os embarques son unha das accións do proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, precisamente porque permiten conectar a formación coa práctica e achegar a mocidade aos profesionais, ás condicións reais de traballo e ás oportunidades laborais que ofrece o sector marítimo-pesqueiro. Ese contacto directo entre formación e realidade profesional é un dos obxectivos do proxecto.
 
Embarque de Nacho no porto de Mugardos | Fot. Galp Golfo Ártabro Norte
“Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” está impulsado conxuntamente polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia e busca contribuír ao relevo xeracional, achegando as novas xeracións ás profesións do mar e promovendo a Formación Profesional Dual como unha vía de acceso a un emprego cualificado e con futuro.
 
Con este novo embarque, o GALP Golfo Ártabro Norte continúa achegando a mocidade á realidade dun sector no que o coñecemento e a experiencia dos profesionais do mar son fundamentais para formar ás novas xeracións. Porque para saber se o mar pode ser o teu futuro, primeiro hai que ter a oportunidade de coñecelo desde dentro.

Lea también

APFSC aprueba una nueva línea de suministro eléctrico en la Terminal de Energía de Mugardos

El organismo portuario aprobó la modificación no sustancial de la concesión para una obra que …