«Sente o Mar», a iniciativa de Silvia Coba, mariscadora da Confraría de Mugardos, recoñecida nun congreso internacional. A proposta, nacida tras a participación de Silvia nun curso de turismo mariñeiro e pescaturismo, resultou gañadora na súa categoría durante o Congreso Internacional de Pesca & Turismo, celebrado en Sanxenxo, con máis dun cento de participantes de dez países.
A iniciativa de turismo mariñeiro «Sente o Mar», impulsada por Silvia Coba, mariscadora da Confraría de Pescadores de Mugardos, foi recoñecida no Congreso Internacional de Pesca & Turismo, celebrado os días 15 e 16 de outubro en Sanxenxo.
Silvia presentou a súa experiencia xunto con outras iniciativas vinculadas á pesca e ao turismo. Despois das presentacións, as persoas asistentes participaron nunha votación na que «Sente o Mar» resultou gañadora na categoría de turismo mariñeiro.
O congreso reuniu máis dun cento de participantes de dez países: España, Hungría, Portugal, Croacia, Grecia, Finlandia, Irlanda, Polonia, Estonia e Chipre, entre profesionais dos sectores pesqueiro e turístico, representantes dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e outras entidades vinculadas ao desenvolvemento das comunidades costeiras.
Da formación á posta en marcha de «Sente o Mar»
A iniciativa naceu a partir da participación de Silvia nun curso gratuíto de turismo mariñeiro e pescaturismo, celebrado no noso ámbito territorial (Casa do Pescador de Miño) do 2 ao 6 de marzo de 2026, no marco do proxecto de cooperación «Mar e Rías: Pesca & Turismo».
Esta formación práctica, dirixida a persoas vinculadas ao sector pesqueiro, tiña como obxectivo dar a coñecer novas oportunidades de actividade relacionadas co mar e ofrecer orientación e acompañamento para poñer en marcha iniciativas de turismo mariñeiro.
A partir desta experiencia formativa xurdiu «Sente o Mar», unha proposta xa posta en marcha que permite coñecer de primeira man o traballo das mariscadoras, descubrir as especies da ría e comprender a importancia das mareas na actividade marisqueira.
A través desta iniciativa, Silvia comparte os seus coñecementos e a súa experiencia no marisqueo a pé, achegando ás persoas participantes á realidade dunha profesión profundamente vinculada á cultura e á identidade mariñeira do territorio.
Un proxecto de cooperación entre os oito GALP de Galicia
Tanto a formación na que participou Silvia como o Congreso Internacional de Pesca & Turismo forman parte das actividades desenvolvidas no marco de «Mar e Rías: Pesca & Turismo», un proxecto de cooperación no que participan os oito GALP de Galicia, baixo a coordinación do GALP Ría de Pontevedra.
O GALP Golfo Ártabro Norte participa neste proxecto de cooperación, que busca impulsar novas oportunidades para o sector pesqueiro a través do turismo mariñeiro, favorecendo a formación, o intercambio de experiencias e a posta en marcha de novas iniciativas.
O recoñecemento recibido por «Sente o Mar» pon de manifesto como estas actuacións poden contribuír a transformar os coñecementos e a experiencia das persoas do sector en novas oportunidades, ao tempo que se dá visibilidade ao traballo das mariscadoras e se pon en valor a cultura mariñeira.
O GALP Golfo Ártabro Norte expresa a súa felicitación «a Silvia Coba por este recoñecemento e pola súa iniciativa para compartir e dar a coñecer a actividade marisqueira».
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.


