“Sente o Mar”, unha experiencia de ‘Mar e Rías: Pesca & Turismo’ del GALP Golfo Ártabro Norte, en Mugardos

A iniciativa de Silvia Coba permitirá descubrir en Mugardos o oficio tradicional do marisqueo a pé e coñecer o ecosistema intermareal da ría.

Mugardos | Fot. Galp Golfo Artabro Norte

O GALP Golfo Ártabro Norte incorpora ao seu territorio unha nova experiencia de turismo mariñeiro desenvolvida no marco de Mar e Rías: Pesca & Turismo, un proxecto de cooperación no que participan os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia.

Trátase de “Sente o Mar”, unha proposta creada por Silvia Coba que convida a descubrir o marisqueo a pé a través dun percorrido polo areal do peirao de Mugardos. A experiencia desenvolverase o 15 de setembro ás 12:00 horas con punto de encontro no Areal do Peirao de Mugardos. Unha experiencia que está pensada para achegarse ao mar desde o propio territorio e coñecer un oficio tradicional directamente ligado á vida das comunidades costeiras.

Ao longo da ruta, Silvia Coba dará a coñecer como se desenvolve o marisqueo a pé, desde as ferramentas e técnicas tradicionais ata as particularidades do traballo na zona intermareal. O percorrido permitirá tamén identificar diferentes especies de moluscos e crustáceos da ría e comprender mellor o ecosistema no que se desenvolve esta actividade.

Un dos elementos fundamentais da experiencia será precisamente o coñecemento das mareas e da súa relación coa actividade marisqueira. As explicacións permitirán entender por que o nivel do mar sobe e baixa, que papel xogan os ciclos da lúa e como estas condicións determinan o traballo das persoas mariscadoras.

Sente o Mar” pon tamén o foco na sostibilidade do marisqueo e na conservación dos recursos mariños. Durante a actividade abordaranse cuestións como as vedas, as tallas mínimas e as prácticas necesarias para preservar as especies e o ecosistema intermareal, mostrando que o aproveitamento dos recursos do mar está directamente ligado ao seu coidado.

A proposta pretende así ir máis alá dunha simple aproximación ao oficio: trátase de coñecer o territorio a través das persoas que o viven e dos saberes que se transmitiron arredor do mar, entendendo a importancia económica, ambiental e cultural do marisqueo para as comunidades costeiras.

A experiencia forma parte das iniciativas que xurdiron ao abeiro de Mar e Rías: Pesca & Turismo, a partir do traballo desenvolvido nas accións formativas do proxecto. A través destas propostas, os coñecementos adquiridos durante a formación transfórmanse en novas experiencias vinculadas ao turismo mariñeiro e ao pescaturismo, adaptadas ás características e aos recursos de cada territorio.

No caso do GALP Golfo Ártabro Norte, “Sente o Mar” contribúe a poñer en valor o patrimonio marítimo-pesqueiro, os oficios tradicionais e o coñecemento do medio mariño, ao tempo que explora novas posibilidades de diversificación vinculadas ao turismo e á actividade pesqueira.

As persoas interesadas en participar na experiencia poden solicitar información e realizar a súa inscrición contactando ao teléfono 618 320 033. O proxecto Mar e Rías: Pesca & Turismo, froito da cooperación dos oito GALP galegos, continúa así impulsando iniciativas que conectan o mar coa sociedade e que permiten descubrir Galicia costeira a través dos seus recursos, dos seus oficios e, especialmente, das persoas que manteñen viva a súa cultura mariñeira.

Lea también

Un estudiante de FP embarca con una tripulación profesional en Mugardos

Nacho, vecino de Pontedeume y estudiante del Ciclo Superior de Transporte Marítimo y Pesca de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *