A actuación, cun investimento de 182.690 euros, permitirá renovar 738 metros dunha vía con elevada intensidade de tráfico.
Xa comezaron en Ferrol os traballos de aglomerado de tramo da avenida da Residencia, incluída no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal. POS+ADICIONAL 2/2025 (2ª FASE).
A intervención abrangue un tramo de 738 metros, que se inicia na rotonda de intersección coa estrada FE-13, e permitirá mellorar de maneira integral o firme dunha vía que soporta diariamente unha elevada intensidade de tráfico. A Avenida da Residencia constitúe un importante eixo de comunicación para o acceso ao Hospital Arquitecto Marcide, o Hospital Naval, o CAMF, o CIFP Leixa e o Centro de Educación Especial Terra de Ferrol.
Os traballos contemplan, en primeiro lugar, o recorte do pavimento existente nas zonas que presentan un maior deterioro, para proceder á súa demolición e posterior execución dunha capa de 20 centímetros de formigón en masa. A continuación, realizarase o fresado da superficie e estenderase unha nova capa de rodadura de seis centímetros de aglomerado en quente.
A actuación completarase co pintado da sinalización viaria, co obxectivo de mellorar tanto as condicións de circulación como a seguridade das persoas usuarias da vía.
O proxecto conta cun investimento de 182.690 euros e un prazo estimado de execución de catro meses.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.




