A ‘foodtruck’ de Pesca Saúde chega ao Pantín Classic

O proxecto Pesca Saúde, a iniciativa coa que os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) promoven o consumo de produto pesqueiro galego como hábito de vida saudable, fai a súa vindeira parada os días 29 e 30 de agosto na praia de Pantín, no concello de Valdoviño, coincidindo coa celebración do campionato de surf Pantín Classic 2026.

A través dunha foodtruck e un espazo promocional e divulgativo, a iniciativa porá de manifesto o papel clave do peixe, marisco e outros produtos do mar na saúde e o benestar físico. A oferta gastronómica desenvolvida para esta cita nace do vínculo entre o litoral galego, a nutrición e a actividade física.

En colaboración cun dos restaurantes adheridos ao proxecto, A Artesa da Moza Crecha, Pesca Saúde ofrecerá a deportistas e público xeral unha selección de petiscos de cociña galega contemporánea elaborados con produtos do mar e de proximidade. A proposta articúlase arredor do concepto “Antes da Onda / Despois da Onda”, diferenciando entre os nutrientes necesarios para afrontar o esforzo físico e os orientados a acelerar a recuperación muscular.

Concepto gastronómico Así, a elaboración “Antes da Onda” consistirá nun crocante de pan de millo con bonito curado e tomate soasado, unha opción fresca, equilibrada e de fácil dixestión na que o bonito achega proteína magra e graxas omega-3 ideais para os momentos previos ao exercicio.

Pola súa banda, a proposta “Despois da Onda” será un brioche de mexillón galego en escabeche emulsionado e codium, un petisco rico en proteína, ferro e minerais esenciais concibido especificamente para favorecer a recuperación muscular tras o esforzo intenso.

A actividade botará a andar o sábado 29 de agosto ás 11:30 horas coa apertura oficial da foodtruck e do espazo promocional, nun acto que contará coa benvida e presentación a cargo das xerencias dos GALP e de representantes do Concello de Valdoviño.

A continuación, entre as 11:45 e as 12:45 horas, celebrarase a primeira sesión de degustación centrada na opción previa á actividade física, mentres que entre as 13:45 e as 14:45 horas ofrecerase a degustación enfocada á recuperación muscular. Ao longo de toda a xornada, de 11:30 a 14:45 horas e de 17:00 a 19:00 horas, o punto informativo permanecerá aberto para atender ao público, que poderá visualizar os vídeos promocionais da campaña e recoller material divulgativo.

O domingo 30 de agosto manterase unha programación semellante, coas sesións de degustación de “Antes da Onda” entre as 11:00 e as 12:00 horas e de “Despois da Onda” entre as 13:00 e as 14:00 horas. O espazo de atención á cidadanía estará operativo de 11:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 17:00 horas pola tarde.

Lea también

Pantín dá a benvida ó proxecto de promoción do consumo de peixe galego “Pesca Saúde”

Coincidindo co campionato de surf, unha das foodtrucks da iniciativa ofrecerá esta fin de semana …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *