O Campus de Ferrol deseña e fabrica os trofeos da categoría QS 6000 Internacional do Abanca Pantin Classic Galicia Pro

O Campus Industrial de Ferrol participa na 39ª edición do Abanca Pantin Classic Galicia Pro a través do deseño e fabricación dos oito trofeos que recibirán as persoas galardoadas na categoría QS 6000 Internacional, un distintivo que só posúen outras catro competicións no mundo: Matosinhos, en Portugal, Saquarema, no Brasil, Cloud9, en Filipinas, e Jinzum Harbor, en Taiwán.

O profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Pablo Fernández Galdo, foi un dos encargados de deseñar e fabricar os oito trofeos da categoría QS 6000 Internacional do Abanca Pantin Classic Galicia Pro.

A proba deu comezo este sábado, na praia de Pantín, en Valdoviño (A Coruña), e prolongarase ata o domingo 30 de agosto. Nesta edición participan máis de 200 competidores e competidoras – 144 homes e 80 mulleres – procedentes de 23 países.

Detrás deste proxecto de deseño e fabricación están o profesor da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Pablo Fernández Galdo, e o técnico especialista en fabricación aditiva do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Juan Carlos Becerra Permuy. Ambos os dous traballaron de xeito coordinado tanto no deseño  conceptual dos oito trofeos –– catro correspondentes ao terceiro posto no podio, dous ao segundo e outrosdous ao primeiro –– coma no desenvolvemento do proceso de fabricación botando man das tecnoloxías de impresión 3D.

Baixo o lema “Cando unha onda se converte en memoria”, o deseño toma como referencia directa a esencia do Abanca Pantin Classic Galicia Pro e a súa relación co océano. A peza recrea unha onda no momento de romper, evocando a súa forza, o movemento e a enerxía a auga que caracterizan o surf. A estrutura interior reproduce de xeito visual a escuma da onda e incorpora no seu interior area que simboliza a praia de Pantín, “convertendo cada trofeo nunha peza vinculada ao territorio e nun recordo singular do campionato”, explican os seus creadores.

A fabricación dos trofeos fíxose botando man das tecnoloxías de fabricación aditiva e empregando filamento PLA, un biopolímero de orixe vexetal obtido a partires de materias primas renovables como poden ser o millo ou a remolacha. A elección deste material responde ao compromiso da Universidade da Coruña (UDC) coa promoción de alternativas máis sostibles e coa exploración de novas posibilidades de produción que permitan reducir o impacto ambiental.

Tal e como explica a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, a colaboración co Abanca Pantin Classic Galicia Pro “permite pór en valor a experiencia e coñecemento adquirido no Campus Industrial de Ferrol en eidos como os materiais avanzados, os materiais reciclados, os biopolímeros ou mesmo nos procesos de fabricación innovadores”.

Nesta liña, quixo salientar o traballo desenvolvido polos grupos de investigación e máis polos laboratorios que integran o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) na posta en marcha de proxectos relacionados coa valorización de residuos, coa economía circular e co deseño de materiais sostibles para a industria. Neste contexto, destacou tamén o máster en Fabricación Aditiva, un título interuniversitario que se imparte desde o curso 2023/24 na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).

No stand divulgativo do Campus Industrial de Ferrol o público asistente poderá coñecer a oferta académica da Universidade da Coruña (UDC) na cidade departamental, así como varios dos proxectos de investigación e de transferencia desenvolvidos nos ámbitos da protección do medio mariño, da valorización de residuos, da economía circular, dos novos materiais sostibles e da conservación dos ecosistemas costeiros.

Ciencia, sustentabilidade e economía circular nun stand divulgativo

A participación do Campus Industrial de Ferrol no Abanca Pantin Classic Galicia Pro complétase cun stand divulgativo no que as persoas asistentes poderán coñecer a oferta académica da Universidade da Coruña (UDC) na cidade departamental, así como varios dos proxectos de investigación e de transferencia desenvolvidos nos ámbitos da protección do medio mariño, da valorización de residuos, da economía circular, dos novos materiais sostibles e da conservación dos ecosistemas costeiros.

Neste espazo, tamén se lle dará visibilidade ás iniciativas desenvolvidas pola Oficina de Sustentabilidade da Universidade da Coruña (UDC) nos eidos da educación ambiental, da redución de residuos, da mobilidade sostible e no que atinxe á participación da comunidade universitaria na transición cara a modelos máis respectuosos co medio ambiente.

Entre as actividades previstas no stand figuran varios obradoiros participativos de clasificación e de separación de residuos procedentes do mar, así como demostracións prácticas de reciclaxe de plásticos. Para estas demostracións estase a empregar unha trituradora cedida pola Asociación de Pais e Nais de Nenos e Nenas con Problemas Psicosociais (ASPANEPS Fene) e dunha das máquina de inxección do Laboratorio de Plásticos (LabPlast), situado no Centro d Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). Estas actividades permitirán amosar como determinados residuos poden transformarse en novos produtos mediante procesos baseados na economía circular.

Ata o domingo 30 de agosto, o stand divulgativo do Campus Industrial de Ferrol estará atendido polos estudantes do grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), Lucas Rodríguez Liñares e Xiana Dani Marriot Fraga, e máis polo alumno do grao en Enxeñaría Naval e Oceánica da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Rodrigo Gómez Fachal.

Os tres participan nesta iniciativa grazas a unha convocatoria propia do campus de especialización, que xa permitiu a participación doutro estudantado en actividades como a Xornada de Benvida á UDC no campus ferrolán, o evento coorganizado xunto con Modaes, The Future of Fashion Talent, ou nas tres edicións da Feira de Empresas e Talento (FESTALENT) que ten lugar no último trimestre do ano.

Lea también

Rugen los motores en la disputa del 57 Rallye de Ferrol

Las sexta cita del campeonato de Rallyes de asfalto arrancaba este viernes en Ferrol con …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *